O Carballiño | “Desde a Deputación estamos tremendamente orgullosos de apoiar ano tras ano, esta celebración contribuíndo así a poñer en valor a un dos maiores e mellores embaixadores da nosa gastronomía, maridado coa viticultura de calidade”, afirmou Luís Menor Pérez, presidente da Deputación de Ourense.
Ao fío disto, salientou a idoneidade de dedicar esta edición á Denominación de Orixe do Ribeiro, “institucionalizando esa relación histórica entre dous produtos que se fusionaron en todas as celebracións das xentes das comarcas do Ribeiro e do Arenteiro e fóra delas”.
Luís Menor destacou a capacidade de atracción que ten a nosa enogastronomía, “un dos atributos máis valorados polo visitante dentro da nosa oferta turística, e que xunto ao termalismo, á natureza e ao patrimonio, conforman un dos recursos cabeceira de Ourense, a provincia termal, que tamén é unha das sinais de identidade do Carballiño”.
Tamén felicitou ao Concello do Carballiño por traballar na cooperación con outros países, “como é o caso deste ano asinaron un protocolo de colaboración co concello italiano Noventa Padovana, xa que Italia é un dos países dos que Galicia recibe máis peregrinos”.
O presidente provincial felicitou ás pulpeiras e pulpeiros por ser capaces de transmitir “o seu saber facer de xeración en xeración desde hai séculos, e que conservan un valioso patrimonio inmaterial”. Unha felicitación que fixo extensiva a todos os que participaron un ano máis na elaboración desa xigante tapa de pulpo que logrou marcar un novo récord mundial.
O sábado día 10, véspera da Festa do Polbo, celebrouse o concurso de camisetas que bateu o seu récord de participación concentrando na Praza Maior a 80 penas, cun total de 1.500 integrantes, vestidos coas camisetas que tiñeron de colorido o centro da vila e nas que malgastaron toda a súa creatividade coa maridaxe do polbo e o viño.