O Covelo | O Concello de Covelo licita a renovación da área de xogos do CEIP Antonio Blanco Rodríguez situada no interior do centro e cunha superficie de oitenta metros cadrados por 45.096,65 €.
A intervención contempla a retirada dos actuais elementos de xogos e posterior colocación dun conxunto de mini torre para exteriores con asiento inclusivo composto por dúas torres, tobogán, columpio inclusivo, túnel, barra de bombeiro, escada de acceso e escaleira. Esta importante mellora complétase coa instalación dunha cuberta translúcida de policarbonato que permita unha luminosidade do 90%. Estas obras conta con apoio do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, sinala que esta era unha das peticións do alumnado e profesorado do centro trasladada durante a celebración do pleno infantil deste ano. Durante a tempada de verán e con medios propios o Concello tamén deu cumprimento a outras das demandas da comunidade educativa coa ampliación da biblioteca escolar para o que houbo que acondicionar dúas aulas, derrubar tabiques e retiralos e proceder ao seu acondicionamento.
Ademais, o Concello reformou unha parte da cociña para unha mellor evacuación das aguas instalando unha nova rella e desaugadoiro. “O noso centro educativo acolle a máis de cen nenas e nenos de infantil e primaria.
Conta con servizo de comedor e coa colaboración da ANPA con aula matinal e con actividades extraescolares que fan posible non só aprendizaxes non formais tamén facilitan a conciliación familiar e laboral.
Por este motivo cada ano realizamos melloras porque queremos ofrecer un centro educativo agradable, cómodo e no que todas e todos estar a gusto. Ademais polas tardes toda a cidadanía desfruta das pistas deportivas de tenis, a de pádel cuberta, baloncesto ou fútbol”.