Mos | A Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Deportes, Feli Rodríguez, visitaron onte pola tarde os recentemente rematados traballos de renovación do alumeado no Campo de Fútbol do Club Louro Tameiga en Cototorrón.
Durante a visita estiveron acompañadas polo presidente da entidade deportiva local, Patricio Farrapeira.
Os devanditos traballos consistiron na instalación de 4 torres con 9 proxectores de 300 W cada unha e unha potencia instalada de 2.700 W, o que supón un total de 10.800 W. Para a acometida dos mesmos o Concello contou con subvención da Presidencia da Deputación de Pontevedra a través do Servizo de Cooperación, e con cargo á Liña 1 do Plan Concellos, dun total de 32.829,72 euros.
As representantes municipais Arévalo e Rodríguez, explicaron que “a nova iluminación instalada no Campo de Fútbol de Cototorrón cumpre as características e cualidades técnicas precisas para dar cumprimento ao ‘Reglamento Electrotécnico de Baja Tensión’, segundo Real Decreto 842/2002, de 2 de agosto, e norma UNE 12.193 ‘Iluminación de instalaciones deportivas’”.
Para elo instaláronse nas torres preexistentes uns novos proxectores cos seus novos elementos de fixación. Os medios de montaxe e desmontaxe dos proxectores foron mediante camión elevador, debido a que as torres se atopan fóra do terreo de xogo do campo de fútbol.
Mantivéronse, deste xeito, as catro torres preexistentes de 14,00 metros de altura, situadas nos laterais do campo, nas que, unha vez desmontados os proxectores actuais, se instalaron os novos.
O resto das instalacións que forman a iluminación actual do campo de fútbol, tales como as torres, os cadros eléctricos de protección e mando, o cableado eléctrico de alimentación aos proxectores e de posta a terra, non sufriu modificación, manténdose a instalación. As instalacións eléctricas, axustáronse na súa execución, prestando especial atención, ao cumprimento das normas específicas para locais de pública concurrencia.
Mantívose o cableado tanto de alimentación aos proxectores como de terra. Rexedora local e edil de Deportes informaron de que “as novas luminarias instaladas son exemplares deseñados específicamente para función de iluminación de instalacións deportivas”. Os novos proxectores instalados corresponden a un único modelo con corpo de aluminio extruido mecanizado e anodizado, que actúa como elemento de soporte e disipador de calor mediante 5 toberas que comunican a parte inferior da luminaria coa superior, maximizando a condución e favorecendo a disipación da mesma.
Cun deseño que evita a acumulación de suxedade que poida perxudicar á eficiencia da iluminaria. Tapas de inxección de aluminio termolacadas con rexillas de ventilación e filtros que impiden o paso de pó ao interior da luminaria. Xuntas de estanqueidade de alta calidade resistentes a solicitacións ambientais e térmicas. De 96 LED de alto rendemento con máxima precisión óptica e regulación baixo demanda: autoprogramable. Dobre illamento. Protección ante sobretemperatura, cortocircuito, circuito aberto e sobretensións. E cumpren cos niveis establecidos na norma UNE 12.193 “iluminación de instalaciones deportivas”.
Deste xeito as administracións local e provincial demostran unha vez máis a súa “aposta firme e decidida de apoio ao deporte base e aos clubes deportivos que tan duro traballo fan a prol do mesmo, como é o caso do mosense Club Louro Tameiga”, tal e como expresaban onte Nidia Arévalo e Feli Rodríguez, ao tempo que agradecían ese “gran e imprescindible labor” ao presidente da entidade visitada, Patricio Farrapeira.