Ponteareas | O alcalde de Ponteareas Xosé Represas, saíu ao paso das declaracións da portavoz do Partido Popular, Belén Villar, sobre o covenio coa Xunta de Galicia para o Corpus. Represas amosouse sorprendido coas afirmacións realizadas pola portavoz municipal do PP e a súa falta de respecto coa celebración do Corpus Christi que sempre estivo á marxe de partidismos. “Pido ao PP e a Belén Villar que respecten o Corpus e que non enreden coas súas mentiras e falsidades” declarou Represas que non entende esta forma de facer oposición que pode “manchar” a nosa seña de identidade como pobo.
O alcalde non quixo entrar en polémicas irresponsables sobre o Corpus e deu conta de forma detallada das xestións realizadas nestes meses para subscribir coa Xunta de Galicia o convenio para a promoción do Corpus Christi como Festa de Interese Turístico Internacional.
Despois das xestións previas realizadas, o Concello remitíu ao gabinete xurídico de Turismo da Xunta, para a tramitación do convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia, o Concello de Ponteareas e Abanca para a celebración da festa do Corpus Christi 2020 a seguinte documentación:
1. Certificados de estar ao corrente coas obrigas tributarias do Estado, Galicia e Seguridade Social
2. Informe do interventor de non estar incurso en ningunha das prohibicións do artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia para ser beneficiario de subvencións
3. Orzamento estimado para actuacións vinculadas ao apoio, promoción e difusión do Corpus Christi 2020
Con data 13 de marzo de 2020, ás 14:22 horas, recibimos por correo electrónico do gabinete xurídico de Turismo da Xunta, o texto do “CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA A CELEBRACIÓN DO CORPUS CHRISTI 2020” no citado correo recollese textualmente:
“ Xunto o texto do convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia, o concello de Ponteareas e Abanca, Corporación Bancaria, S.A. para a celebración das festas do Corpus Christi 2020, para que o revisedes e nos comuniquedes se está correcto para a súa firma, en especial ao que respecta ás obrigas”.
Despois de varios contactos por teléfono co departamento de Turismo da Xunta para reorientar o contido do convenio pola situación provocada polo Covid-19, con data 6 de maio de 2020, remítese un novo correo ao citado departamento no que se informa da reunión celebrada cos alfombristas e suxerindo celebrar o Corpus de xeito virtual e como “un acto de promoción do Corpus de cara ao 2021 que todavía está por definir, ligado ao ano Xacobeo” recollendo ademáis na mesma comunicación, “contactar telefónicamente con vostede a fin de poder aclarar algunhas dúbidas que temos de cara a poder encaixar este novo escenario deste ano no convenio pendente de asinar e posteriormente a súa xustificación”.
A resposta
“En relación ás cuestións formuladas, debo informarlle que non se tramitarán nin asinarán os convenios para festas de interese turístico para esta ano 2020, por mor da situación derivada da crise sanitaria pola COVID-19 e as medidas que se adoitaron neste contexto”.
Máis intentos de comunicación
Ademais das comunicacións citadas, realizaronse varias xestións telefónicas por parte das concelleiras de Eventos, Cristina Fernández, e da concelleira de Turismo, Eva Gil, propondo dende o Concello outras alternativas de promoción do Corpus durante o presente ano 2020 que agardamos poidan recibir finalmente o apoio da Xunta de Galicia mediante o convenio que se considere máis axeitado entre as dúas administracións nesta nova situación.
Polo tanto non se corresponden coa realidade as afirmacións de Belén Villar no sentido que o alcalde e o goberno local non solicitaron e renunciaron á axuda da Xunta para a promociòn do Corpus Christi 2020. Resulta tamén rechamante que o propio PP que utiliza o Corpus de forma partidista na súa comunicación acabe pedindo unidade e non confrontación. Por respecto á tradición do Corpus e aos alfombristas, así como polo grave momento que estamos a pasar no que debemos buscar o entendemento e deixar de lado as confrontacións, Represas non quixo entrar en polémicas e tampouco quixo calificar este comportamento do Partido Popular, “Os feitos son ben claros e os veciños xa sacarán as súas conclusións”, rematou o alcalde