As eleccións europeas deste 2024 achegaron un Parlamento con máis dereita e, sobre todo, extrema dereita, mentres baixan algo socialistas e socialdemócratas e esquerdas europeas e, nomeadamente, os verdes e os liberais. Porén semella que o Partido Popular Europeo, como primeira forza política, vai tentar a actual coalición co grupo de socialistas e progresistas e cos liberais demócratas.
No Estado constátase un avance tamén da dereita, mentres o PSOE vai aturando a maré conservadora e Sumar afúndese. Na Galicia o máis salientábel é que soben substancialmente PP e BNG e baixa nidiamente o PSOE, acadando Ana Miranda (BNG) un escano de seu para todos os cinco anos da lexislatura, por primeira vez dende as eleccións europeas de 1999. O que non só é unha boa nova para o soberanismo galego, senón para a presenza dos intereses galegos no debate parlamentario deste vindeiro quinquenio.
Malia que as extremas dereitas non vaian integrar a maioria parlamentaria que exercerá a codecisión lexislativa canda o Consello, influirán de certo en termos de axenda. No seu progreso (e no recuar dos verdes e liberais-demócratas) cómpre salientar a incidencia da pouco aquelada execución dun pacto verde ou green deal que tenta darlle pulo ao necesario proceso de transición ecolóxica mais dende sistemas e instrumentos que non están a ser xustos nin solidarios cos territorios e sectores sociais damnificados.
“Cómpre salientar a incidencia da pouco aquelada execución dun pacto verde ou green deal que tenta darlle pulo ao necesario proceso de transición ecolóxica”
Vímolo hai dous anos cando o comisario verde de Pesca non accedeu a distinguir, para o efecto de prohibición normativa, a sostibilidade das artes de arrastre fixo dos nosos pescadores galegos das artes de arrastre fixo que depredan as especies. Vémolo coa presión da eólica mariña no prexuizo das nosas comunidades pesqueiras, coa excesiva carga regulatoria a respecto do conxunto do agricultores e gandeiros europeos ou cun modelo de transición enerxética que prima os intereses da grande empresa distribuidora a respecto dos proxectos que tentan fomentar a produción de electricidade onde se consume a medio de comunidades enerxéticas e dos proxectos empresariais locais.
Velaí que cumpra resetear o green deal para compatibilizar a autonomía enerxética coa autonomía alimentaria, a descarbonización coa viabilidade dos nosos sectores primarios. E para empoderar as fórmulas de consenso propias do modelo enerxético danés para a implantación das enerxías renovábeis. Consenso entre comunidades locais, produción agrogandeira e pesqueira, consumidores e empresas promotoras para evitar a dinâmica actual que esixe o sacrifício do territorio galego para garantir que Madrid consuma enerxía sen asumir os custos de producila.
Semella que, neste senso, verdes, socialdemócratas e liberais-demócratas haberían pensar en aquelar os obxectivos da transición enerxética coa autonomía alimentaria e a xusta distribución dos custos da transición de xeito que os seus custos non caian sempre sobre determinados países ou territorios ou sobre os sectores sociais máis desfavorecidos. De non o facer nesta lexislatura as extremas dereitas poden ser imparábeis no 2029.