Arbo | O Goberno do Estado, por medio dunha resolución do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, vén de declarar extinguida a concesión a Gas Natural-Fenosa o dereito de aproveitamento hidroeléctrico do tramo internacional do río Miño, o Salto de Sela, nos concellos de Arbo, Crecente e As Neves. Tamén nega a posibilidade de cambio de titularidade da concesión que fora solicitado pola compañía.
Con esta resolución acábase cunha loita iniciada a finais de 1978. En decembro daquel ano, a Dirección General de Obras Hidráulicas asinaba a concesión a Fenosa para construír un gran encoro para produción eléctrica de 26,5 metros de desnivel no treito final do río Miño, que coñeceríase, dende entón, hai xa 42 anos, coma Salto de Sela, que tiña a súa cabeceira na parroquia de Vide, nas Neves.
Esa concesión facíase por 75 anos- ata o 2053-, pero a resolución coñecida este mércores remata con ela. Ponse, así o punto e final, comenta Xosé Manuel Rodríguez, alcalde das Neves, a unha “loita de décadas de centos de veciñas e veciños de Arbo, Crecente, Melgaço e As Neves”. Eles, subliña o rexedor nevense, “fixeron imposible que o último encoro proxectado polo franquismo no Miño fose unha realidade”.
A mobilización impenitente destes homes e mulleres durante máis de catro décadas foi retrasando o proxecto ata que por fin, no ano 2000, o Goberno do Estado entendeu que o impacto deste encoro, e das alternativas propostas ao mesmo, causaría un dano ‘irreversible’ tanto ao medio natural, coma no patrimonio cultural e histórico e tamén na
actividade socioconómica de toda a zona.
Estes argumentos son asumidos agora polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que o ano pasado iniciaron o procedemento para rematar co propósito de construir este encoro e coa concesión do mesmo. “Hoxe, os dous xa son pasado e a loita das veciñas e veciños fai historia”, conclúe Xosé Manuel Rodríguez.