O Porriño | A emblemática Fonte de San Sebastián xa funciona de novo.
O Concello do Porriño levou a cabo obras de acondicionamento da fonte para evitar, na medida do posible, posibles focos de contaminación que afectaban á calidade da auga e causaban reiterados cortes de subministro.
As obras consistiron na canalización do caudal no tramo do nacente ata o grifo para impedir filtracións contaminantes e na construción dunha arqueta na entrada da mina para a conexión da auga non potable coa rede de pluviais.
“Unha vez realizadas as analíticas os valores paramétricos volveron á normalidade e por iso acordamos restaurar o subministro”, explicou o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, “Dentro dun mes volveremos analizar a auga para comprobar que segue a ser apta para o consumo”.
Pola súa parte, o alcalde, Alejandro Lorenzo, reiterou que dende o Concello “farase todo o necesario para manter o subministro con todas as garantías sanitarias”.
Reciclaxe na hostalería
O Concello do Porriño, coa colaboración de Ecovidrio, pon en marcha este mes de abril unha campaña para impulsar a reciclaxe de envases de vidro no sector hostaleiro da localidade.
A iniciativa, nunha primeira fase, comezará o vindeiro martes, 19 de abril, coa realización de enquisas e entrevistas a todos os establecementos de hostalería da vila para coñecer de primeira man cales son as súas necesidades e poder adecuar os recursos existentes.
Ademais, ofrécese información detallada aos locais de como reciclar correctamente e das vantaxes sociais, económicas e medioambientais que ten a reciclaxe de envases de vidro.
Nunha segunda fase, e para facilitar a reciclaxe de vidro na canle Horeca (Hostelería, Restauración e Catering), actuarase sobre os contedores existentes e instalaranse iglúes especiais dotados cunha boca máis ancha para un baleirado máis rápido e algúns deles incluirán un sistema de elevación hidráulica que permite a reciclaxe de grandes cantidades de vidro como as xeradas polos hostaleiros.
Tamén se entregarán cubos adaptados con rodas para facilitar o transporte dos residuos de vidro aos contedores.
Para levar adiante esta iniciativa, poñerase en marcha un traballo de campo con visitas persoais aos hostaleiros para reforzar o coñecemento da lexislación en vigor para o sector dos grandes xeradores en materia de reciclaxe de envases de vidro.
Da mesma maneira, preténdese lograr un incremento maior da taxa de reciclaxe de vidro no concello que actualmente se sitúa nos 15 kg/hab/ano, unha cifra lixeiramente por debaixo da media provincial e galega.
O sector da hostalería e a restauración consume preto do 52% dos envases de vidro dun solo uso que se producen en España.
“O vidro que se deposita nos contedores recíclase ao 100% e utilízase para a fabricación de novos envases, de forma indefinida e sen perder as propiedades orixinais”, explicou a concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera, “Reciclando vidro evitamos o crecemento dos vertedoiros”.
Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, apuntou que “reciclar vidro é un elemento clave na loita contra o cambio climático”.
“Ao usar calcín -vidro reciclado- na fabricación de novos envases, evítase a extracción de materias primas da natureza, evitando a erosión dos chans e a deforestación. Ademais de minimizarse a emisión de CO” e aforrar enerxía”.