Retomando ideas atrasadas.

Hoxe vanme permitir botar man dun chisco de gran vello do canastro como introdución as miñas “veleidades políticas”.

Resulta que hai uns cantos anos preparei uns apuntes para un programa de radio que logo non foi. Non rompín aquelas notas e hoxe, facendo limpeza no meu escritorio, atopeinos. Pensei que dándolle un lixeiro aggiornamento e posta ao día poderían servirnos para reflexionar sobre o momento que vivimos. Proba disto, como xa dixera Lampedusa, que todo cambia para que nada cambie; aínda que o reloxo do tempo sega dando as súas campanadas.

Daquela comezábamos falando de como toda unha raíña inglesa (hoxe xa non está neste mundo) retiraba os títulos militares ao Príncipe Andrés por ser cachado en abusos sexuais cunha adolescente no caso Epstein. Extraordinario exemplo da Casa Real inglesa que non lle doen prendas para poñer a un membro da familia no seu sitio. En contraste temos á Santa Madre Iglesia (que Deus garde) que a día de hoxe se nega a facilitar a relación de casos de abusos detectados entre os membros da Curia.

Por outra banda, cando un Ministro de Agricultura era asaeteado impunemente polos cachorros do PP e de Vox en Castela-León na disputa das granxas micro e macro que envelenaban as augas e os terreos nos que pacían. Finalmente foi recoñecido que o Ministro tiña razón pero os efectos políticos xa cumpriran o seu cometido: os socialistas nos acadaron a Presidencia da Comunidade Autónoma, que pasou a mans do PP apoiados por Vox. Aquel goberno fai auga nestes momentos.

Trump xa estaba no candeeiro. Insultaba aos que se puñan a vacina do Covid 19 chamándolles covardes por non o recoñecer. Abascal estaba entre eles, aínda que hoxe estean a partir un piñón. O líder de Vox cría que os contrarios á ciencia eran unha canteira de votos que el tiña que aproveitar. Parece que a idea non era tan estúpida dado o crecemento exponencial do seu partido dende aqueles datas.

Por aquelas datas asistíamos a unhas declaracións do Xuíz Eugenio Raúl Zaffaroni, da Corte Interamericana de Xustiza e membro da Corte Internacional de Dereitos Humanos, que reflexionaba sobre as novas formas de dominación: “Hai unha criminalidade financeira transnacional que exerce un enorme poder e que comete delictos”. Hoxe seguimos sometidos baixos ese Poder financeiro que cada vez ten mais Poder sobre a Humanidade. Claro que ninguén se atreve a dicir que cometen delictos. Imaxínense como serían tratados pola prensa canallesca?

A Presidenta madrileña xa soltaba pola boca barbaridades que a día de hoxe constitúen todo un manual de malas costumes ayusianas. Se se tratara dun alumno durante un examen sería suspendido ipso facto; como se trata desta “disque señora”, non pasa nada; aínda se ve reforzada cos aplausos de miles de madrileños e membros do partido que non sabemos ben que aplauden. No Congreso do PP de Castela-León tiveron que escoitar: “Esta región es cuna del parlamentarismo. Cuando se habla de democracias en el mundo fue precisamente aquí cuando éramos un Reino de León, cuando los ciudadanos comenzaron a tener voz y voto ante el clero y la nobleza. Hoy que se habla del empoderamiento de la mujer, que parece que lo inventó la izquierda. Nació aquí en Castilla”, que seguiría referíndose á Comunidade de Castilla-León como Castela. O seu atrevemento levouna a dicir que os leoneses, a parte de paletos, eran castellanos. A ignorancia popular segue in crescendo e a Presidenta madrileña cada vez soña mais a miúdo con ser Presidenta do Goberno Central. Por se acaso, o Sr. Feijóo debera gardarse as roupas, non sexa que….

Daquela preguntábamonos de onde deberan saír os políticos. Se debera existir unha escola de formar política igual que se forman economistas ou educadores.

Non ocorre nada diso. Hoxe podemos estar mandados por alguén que se pasou parte da súa vida detrás dun mostrador de supermercado ou rexentar un pequeno comercio. Parece que este feito é suficiente para que descualifiquemos xa de entrada calquera idea que persoas así poidan ofertar no seu labor político. Se non levan un título colgado do pescozo ninguén lles fai caso.

“Hoxe podemos estar mandados por alguén que se pasou parte da súa vida detrás dun mostrador de supermercado ou rexentar un pequeno comercio”

Isto retrotráenos aos tempos de María Castaña, en que só os ricos e poderosos tiñan voz e voto. Lembren senón o voto censitario. Agora escoitamos: “a mí me representa mejor un quiosquero que un señor que no paga sus impuestos”; isto ía dirixido a Santiago Abascal. Sen embargo nestes momentos este señor aparece no candeeiro a carón dun tal Trump (que disque é presidente dos EEUU de América, case nada). E non só iso senón que lle está marcando o paso á camada popular na maioría das Comunidades onde estes teñen maioría de votos pero non suficientes para gobernar.

Por outra banda, aquí pasa como nas obras de Lope de Vega que “en horas 24 pasaban das musas ao teatro”. Temos a políticos que entraron nas mocedades do partido, foron concelleiros, alcaldes, deputados e dalí xa non pararon de ascender. Son os que se lles di que non deron un pau á auga.

Pero, por qué nos extrañamos se somos nos quen quita e pon políticos nas súas poltronas?. En teoría é verdade? Sen embargo, isto non é así exactamente. Pero tentemos arrimarnos o que sexa posible para dar cunha resposta razonable sobre este asunto.

En política, como todos vdes. saben, os cidadáns son libres de votar por quen desexen. Así está na Constitución, pero logo, e aquí é onde está a “nai do año”, á hora de votar os cidadáns poden encontrarse con tres posibles situacións:

A primeira, a dos militantes de partido que non teñen problema á hora de meter a papeleta na urna aínda que nalgún momento teñan que tapar o nariz. Os seus candidatos preséntanse en campaña, soltan catro barbaridades das que teñen o coñecemento que lle puxeron nuns papeis os seus lamecús de turno, dan catro abrazos e tamén uns bicos sobre todo ás mulleres que están desexando ser bicadas por políticos (e xa non digamos se se trata dun home ou muller de bon ver, deses e desas que se lle di atractivos) e xa teñen os votos asegurados dos seus, claro está.

Logo temos aqueles cidadáns que non son militantes activos; pero que son carne de canon propagandístico dende tempos ha. Os xornais que atopan nas cafeterías, as cadeas de televisión e agora eses outros canais mais persoais, que levamos pegados ao corpo nun móbil, tentan de convencelos que determinados políticos deben ser apoiados en contra dos que gobernan, normalmente porque teñen solucións milagrosas para os problemas que lles están preocupando. Como a súa capacidade de análise tende a cero déixanse levar e votan. Que outra cousa poden facer?

Finalmente están os que nin son militantes nin teñen amigos dentro dos partidos pero tamén van a votar. Estes, que son numerosos, deciden a última hora por calquera cousa que lles teña ocorrido nos últimos momentos. Pode ser a cousa máis baladí pero, como non tiñan decidido o voto chegado o momento, meten a papeleta na urna e danse por satisfeitos. Cumpriron con esa que lle din é unha obriga democrática, ir a votar.

“Cren vdes. que son os cidadáns, cos seus criterios libremente conformados, os que quitan e poñen os políticos nos seus cárregos? Somos de verdade libres cando votamos?”

A pregunta final sería: “cren vdes. que son os cidadáns, cos seus criterios libremente conformados, os que quitan e poñen os políticos nos seus cárregos? Somos de verdade libres cando votamos? Temos a información e a formación mínima suficiente para discernir entre o que nos ofrecen en campaña e o que de verdade precisamos como cidadáns?

Pero, por qué somos vítimas dunha situación social deste calibre? Por qué cando nos chaman a votar non estamos debidamente informados para darlle a resposta axeitada a eses homes e mulleres que se lanzan á piscina sen preocuparlles se ten ou non ten auga?

Pois moi sinxelamente: esta sociedade non se preocupa da formación dos seus cidadáns. Si se preocupa de que coñezan o teorema de Pitágoras, que saiban quen foi Nerón ou Carlos V. Pero coñecer como se foron conformando as sociedades dende aqueles tempos dos romanos ata hoxe, saber cómo e de qué maneira tiveron que pelexar unhas mulleres para que lles permitiran votar como as cabaleiros, ser informados qué pasou nos últimos 50 ou 100 anos neste País…

En resume, ser cidadáns con perfecto coñecemento do mundo que nos rodea, de quen nos mece a cuna e de cómo nos ofrecen pastores para guiarnos como rabaños sen que non desviemos dos pastos que nos preparan a conciencia cada día, cada instante aínda que nós non sexamos conscientes.

Outro día podemos falar deses “pastores preocupados” polo noso benestar. Polo que eles consideran benestar, claro está. Por hoxe páseno ben se poden. Disfruten da vida o mellor que lles sexa posible e non se amarguen a existencia. Soamente sexan un chisco máis rebeldes; seguro que se senten máis a gusto.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.