Ribadumia | Esta mañá, mantívose unha reunión online entre a Valedora do Pobo, Dª Mª Dolores Fernández Galiño, a responsable da área de Corporacións locais e servizos municipais, Dª Mª del Carmen Cuiñas Durán, a Secretaria do Concello e a Concelleira de Economía, Facenda e Réxime Interior.
A reunión ven en resposta ó escrito que o Concello de Ribadumia lle remitiu á Valedora o pasado mes de decembro para manifestar, no seu momento, a preocupación do equipo de goberno pola grande cantidade de tempo e recursos que o persoal municipal empregaba en respostar queixas que a oposición interpuxo ante a Valedora e ante o Defensor, reclamando unha e outra vez as mesmas cuestións que, ó final, repercutían indirectamente na atención que se lles prestaba ó resto da veciñanza de Ribadumia.
Nesta reunión, a Valedora manifestoulle á secretaria municipal que a colaboración do Concello de Ribadumia foi sempre boa e axeitada e que a intención da institución autonómica que preside é sempre a de colaborar e facilitar unha comunicación fluída con todos os concellos, sempre, iso si, cumprindo co procedemento que a lexislación ten establecido para estes casos.
Ademais confirmou que todos os expedientes abertos dende o 2019 que lle afectan ao noso municipio están resoltos e, en todos os casos, foron favorables para o Concello de Ribadumia.
A día de hoxe, só quedan pendentes 2 expedientes de finais do ano 2021, sobre os que se adquiriu o compromiso de que serán contestados á maior brevidade posible.
Por parte do Concello transmitiuse, novamente, a intención de colaborar sempre cos requirimentos da Valedora na medida das posibilidades existentes en cada momento.