A histórica vitoria (40% dos votos) da esquerda colombiana liderada por Gustavo Petro na primeira volta dos comicios presidenciais desde 29 de maio permite observar a reconfiguración da esquerda continental a través de novos liderados emerxentes, algúns deles impulsados polas protestas sociais que, dende Colombia ata Chile, se presentaron na rexión entre 2019 e 2021.
Esta nova xeración de liderados esquerdistas comezou co retorno ao poder do MAS en Bolivia en 2019, con Luís Arce capitaneando o proceso post-Evo no país andino. Continuou en 2021 coas vitorias de Pedro Castillo en Perú (que recentemente superou unha moción parlamentaria contra a súa presidencia), Xiomara Castro en Honduras (esposa do ex presidente Manuel Zelaya, deposto por un golpe militar en 2009) e Gabriel Boric en Chile, este último o máis xoven presidente dese país (36 anos) pero con notable experiencia política: desde 2011 como líder das protestas estudantís a favor do ensino público. Hoxe Boric impulsa un proceso constituínte en Chile.
Á espera da segunda volta presidencial en Colombia prevista para o vindeiro 19 de xuño, Petro xa fixo historia: por primeira vez á esquerda colombiana acada un contundente triunfo electoral que pón fin a dúas décadas de “uribismo”, sepultando ó mesmo tempo o tradicional bipartidismo oligárquico liberal-conservador que configurou a política colombiana desde a súa independencia en 1830.
“Petro xa fixo historia: por primeira vez á esquerda colombiana acada un contundente triunfo electoral”
Seguindo co ciclo electoral, queda Brasil, con presidenciais no vindeiro outubro, onde o regreso do ex presidente Lula da Silva confrontará o “trumpismo” do actual mandatario Jair Bolsonaro. A priori, Lula é o favorito: as sondaxes de intención de voto lle dan entre o 48 e o 54% dos votos para gañar en primeira volta.
Agora ben, queda por saber cómo convivirá esta emerxente nova xeración de líderes esquerdistas que se achegan á presidencia pola vía electoral con presidentes tamén de esquerdas que seguen no poder, como son os casos de Maduro en Venezuela, Daniel Ortega en Nicaragua e Díaz-Canel en Cuba, todos eles fortemente cuestionados non só por EEUU e os seus aliados senón tamén incluso dende varios espazos da esquerda hemisférica.
Nos casos de Maduro e Díaz-Canel, líderes unxidos como os respectivos abandeirados do post-chavismo e do post-castrismo en Venezuela e Cuba, están observando ó mesmo tempo as virtudes do pragmatismo diplomático con EEUU. Biden xa adiantou o final progresivo dunha serie de sancións contra Venezuela e Cuba que anuncia unha etapa de enténte, cos intereses económicos no trasfondo, mais visibles no caso venezolano.
Ó mesmo tempo que deberán medir os retos post-pandémicos internos (pobreza, crise económica, sanidade) esta ‘nova esquerda’ deberá tamén medir os efectos que se traducen nos cambios sistémicos a nivel mundial derivados da guerra ucraína e as sancións a un produtor global de materias primas como Rusia, socio comercial de varios destes países latinoamericanos. Ábrese así unha oportunidade para países produtores de materias primas latinoamericanos, á espera de observar a posibilidade dun boom económico. Este aspecto ten especial incidencia na actual alza dos prezos das materias primas ante a escaseza de alimentos e de combustible, e cómo esta situación pode reverter ou non as crise establecidas en países produtores como Brasil e Venezuela.
Polo pronto, parece emerxer unha ‘nova esquerda’ en América Latina. Agora ben, entre os principais desafíos destes novos liderados (Petro, Boric, Arce) tamén se atopan a súas respectivas capacidades para xestionar a herdanza de líderes históricos da esquerda latinoamericana (Castro, Chávez, Lula) que dominaron o espazo político latinoamericano nas últimas décadas. Todo isto xunto cos retos dun mundo en trepidantes e constantes cambios que demandan solucións alternativas a novos (e vellos) problemas.