A Coruña | A alcaldesa Inés Rey participou na inauguración do VII Congreso de Sostibilidade Social e Económica do Sector Pesqueiro, organizado pola Fundación FREMMS, no que se tratan desde hoxe os principais problemas que lle afectan ao sector a través de parladoiros e mesas redondas, nos que profesionais e representantes do mundo da ciencia e das institucións achegarán a realidade e posibles solucións tanto na parte económica como na social da pesca. A rexedora lembrou que a cidade se prepara para unha gran transformación co desenvolvemento dunha nova fachada marítima, pero “non pode deixar atrás os usos industriais, entendidos estes como economía azul e sostible” para interactuar coa pesca e potenciar as súas capacidades.
Para a alcaldesa, contar cunha lonxa “líder na venda de pesca fresca en Galicia” é un orgullo xa que suma no que vai de ano 29 millóns de quilos cunha facturación de 55 millóns de euros e unha forza de compra de 800 poxadores diarios arrastrados polas capturas de 170 embarcacións, entre baixura e altura. Neste aspecto, Rey fixo fincapé en lograr un reparto xusto de cotas para as nosas pesqueiras tendo como base informes científicos de calidade que permitan tomar decisións axustadas para evitar peches prolongados e recortes inxustificados de especiais vitais como está ocorrendo co xurelo e a pescada.
Tamén falou da importancia de adiantarnos a posibles limitacións no acceso a caladoiros habituais e a restricións comerciais a raíz do que pase en Inglaterra co Brexit. Nun contexto no que o sector avanzou na mellora das condicións laborais a bordo dos buques, a rexedora sinalou que as remuneracións dos empregados no mar deben ser acordes ao esforzo e por iso cómpre potenciar a comercialización e promover as capturas, para que estes factores propicien o aumento de beneficios: “É necesario facer unha fronte común para a promoción do mellor peixe e marisco do mundo”.
Xunto á alcaldesa, participaron tamén no acto inaugural o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o delegado do Goberno de España en Galicia, Francisco J. Losada; o presidente de FREMMS, Juan Carlos Corrás; a conselleira de Pesca, Rosa Quintana; e o presidente da Comisión de Promoción Económica da Deputación, José Blas Garcia Piñeiro.