Nigrán | O xeodestino turístico Ría de Vigo e Baixo Miño segue dando pasos cara diante. O Pazo de Cea foi testemuña este mércores 24 de abril da presentación da ferramenta web de participación cidadá creada para a elaboración da estratexia de turismo do xeodestino, un acto que congregou a rexedores e rexedoras dos 14 concellos que o integran (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui).
O proceso estratéxico entra na súa fase decisiva, coa diagnose e definición de plans enfocados á creación de produtos turísticos diferenciados para 2020
A definición desta folla de ruta turística para o xeodestino, que conta co respaldo de Turismo de Galicia e está a ser dirixido pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, aséntase sobre un proceso participativo no que teñen cabida os 14 concellos e os representantes dos principais grupos de interese implicados, de cara a obter unha clara radiografía da situación actual do sector que sirva como punto de partida á hora de definir estratexias a corto, medio e longo prazo. A posta en marcha desta web pretende abrir este proceso participativo á cidadanía e a calquera profesional que queira facer achegas.
No segundo semestre deste ano poranse en marcha as primeiras medidas
Xeodestino de referencia
Ría de Vigo e Baixo Miño é un xeodestino de referencia tanto no eido patrimonial, con 64 Bens de Interese Cultural, como no natural, contando cun dos seis Parques Naturais da comunidade galega, situándose no ámbito de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas e con outros 11 espazos naturais baixo diferentes figuras de protección. Todo isto sen esquecer as súas 10 festas declaradas de interese turístico. Unha ampla variedade de recursos que conviven no territorio que ocupa o xeodestino que facilitan a articulación de futuros produtos turísticos.
Trátase dunha área xeográfica estratéxica con varios aeroportos situados a poucos quilómetros e cun marcado carácter transfronteirizo que facilita a captación de turistas internacionais. E é que con 500.000 pernoctas en 2018, a Ría de Vigo e Baixo Miño xa se sitúa como o segundo xeodestino de Galicia en volume de demanda hoteleira, soamente por detrás da Ría de Arousa.
Plan estratéxico
A pesar das diferentes realidades municipais que se viven nos 14 concellos do xeodestino, coa definición e posta en marcha do plan estratéxico búscase abrir as portas a unha xestión turística unificada, optimizando recursos estruturados e organizados, poñendo en marcha medidas que faciliten a creación e comercialización de produtos turísticos diferenciados para 2020. No segundo semestre deste ano poranse en marcha as primeiras medidas.
Tras unha diagnose da situación actual, o equipo redactor resalta a importancia do rico patrimonio inmaterial e da natureza e da auga como fío condutor para crear experiencias turísticas de calidade. O potencial do Camiño Portugués como panca internacionalizadora será outro dos factores clave a ter en conta.
Á presentación desta ferramenta coa que se quere completar a fase de diagnose do territorio e comezar a establecer áreas nas que traballar na definición de futuros produtos asistiron Juan Antonio González, Raquel Giráldez e José Luis Sanromán, alcalde e concelleiros de Nigrán, respectivamente; Ángel Rodal, representante institucional do Xeodestino e alcalde de Baiona; Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e alcaldesa de Tomiño; Antonio Lomba, alcalde da Guarda; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Soledad Girón, concelleira do Porriño; María del Carmen Alonso, alcaldesa do Rosal; Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén; Teresa París, concelleira de Redondela; Agustín Reguera, alcalde de Soutomaior; e Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui.