Ribadavia | A organización da Feira do Viño do Ribeiro, formada polo Concello de Ribadavia e o C.R.D.O. Ribeiro, presentou a Feira do Viño do Ribeiro en Ourense. O acto contou coa presenza da alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares, o pregoeiro da 60ª edición, Juan Antonio Bande e o vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández que fora alcalde de Ribadavia polo PP.
César Fernández abriu o acto felicitando á organización do evento por nomear como pregoeiro a Juan Antonio Bande, Juanan. Desexou tamén que a feira sexa un éxito e lembrou que é unha maneira fantástica de exaltar a alma do territorio do Ribeiro, un evento no que a Deputación de Ourense colabora.
Juan Casares comentou que a programación será similar á de anos anteriores, resaltando a actividade que guiará Pitu Roca coa gran xoia enolóxica do Ribeiro, o viño Tostado e aproveitou para felicitar ao Concello de Ribadavia por lograr esta actividade. Comentou tamén que esta feira, xunto con outras accións que se levan a cabo dende o Consello Regulador e a Ruta do Viño, ten o obxectivo principal de potenciar o Ribeiro como enocomarca e destino turístico desestacionalizado, xa que sempre é un bo momento para visitar o Ribeiro. Tamén felicitou a Juanan por ser o pregoeiro nesta edición e indicou que lle dará lustre a esta feira, por ser un dos cinco fundadores do evento.
Noelia Rodríguez presentou máis polo miúdo a programación da feira vitivinícola máis antiga de Galicia. Explicando que nesta especial edición se recuperou o cartel da primeira edición cuns retoques así como se elixiu a un dos cofundadores da primeira edición como pregoeiro.
Destacou as actividades de showcooking con cociñeiros de renome (recuperados trala pandemia), a cata estrela guiada por Pitu Roca, os concertos de música en directo, o Ribeiro bus, varias catas comentadas, a zona gastronómica, a zona infantil con monitores… Finalmente animou a todos a participar nela e comentou que se agarda unha gran participación debido á calidade das actividades así como pola boa climatoloxía que se espera.
Juan Antonio Bande agradeceu que o nomeasen a él de pregoeiro por ser un dos co creadores da Feira do Viño do Ribeiro. Está moi feliz de que algo que axudou a crear sega tan vivo e vendo como se vai sucedendo ano a ano. Tratará de facer un bo pregón, actividade que non existiu dende a primeira edición, senón que se instaurou na sétima edición deste evento tan lonxevo.