Ponteareas | Publicamos a carta de contestación por parte da Plataforma polo Saneamento de Ribadetea ao comunicado de Augas de Galicia:
“Trala información facilitada por Augas de Galicia e publicada nos medios de comunicación o pasado día 24/03/19, dende a Plataforma polo Saneamento de Ribadetea condenamos a utilización partidista da realización dunha infraestrutura que é unha necesidade tan básica para o conxunto dos veciños da nosa parroquia.
En vez de escorrer o bulto, botándose a culpa entre dunhas administracións a outras, o que queremos é que cada administración faga o que se comprometeu a facer cos representantes dos veciños de Ribadetea. Polo tanto esiximos:
-Á Xunta de Galicia, por medio de Augas de Galicia, que tal e como se comprometeu a súa presidenta na reunión mantida en Santiago o día 13/11/2018, redacte o proxecto definitivo de saneamento para toda a parroquia, incorporando aqueles elementos propostos polos representantes dos veciños e pola empresa de enxeñería do Concello de Ponteareas. Na devandita reunión comprometéronse a que nun prazo de 6 meses estaría rematado o devandito proxecto.
-Ó presidente Confederación Hidrográfica, que faga efectivo o compromiso acadado na reunión mantida cos veciños o día 05/02/2019, para retirar a prohibición de realizar obras de saneamento en Ribadetea, adoptada polo anterior goberno central no ano 2015.
-Ó Goberno Municipal e á Corporación Municipal de Ponteareas, que mostren un apoio explícito e unha determinación activa á realización do saneamento de Ribadetea. De acordo co compromiso amosado no Pleno do día18/09/2018.
Dende a plataforma querémoslles lembrar unha vez mais a todos os responsables das diferentes administracións, que somos unha parroquia de 900 habitantes, pola que pasa o río Tea que pertence á rede Natura 2000; pero que sufrimos a contaminación das augas subterráneas e dos nosos regatos, impropias da Europa do século XXI. Unhas lamentables condicións hixiénico-ambientais que é urxente corrixir.
Ponteareas a 28 de marzo de 2019
Plataforma Veciñal polo Saneamento de Ribadetea”