Ribadumia | O Concello de Ribadumia abrirá o día 9 o prazo para matricularse na Escola de Ocio e Tempo Libre e na Aula de Acollida –Plan Madruga- de Ribadumia durante o novo curso escolar 2021/2022.
Actividades destinadas para nenos desde os 3 anos, empadroados en Ribadumia, ao mesmo que a nai ou o pai e que a situación destes estea en ocupación laboral. No caso da Aula de Acollida os nenos teñen que estar matriculados no CPI Julia Becerra Malvar ou no CRA de Ribadumia.
As persoas interesadas deben aportar a seguinte documentación no Concello de Ribadumia no momento da reserva de praza: copia dos dni do pai, da nai e do fillo ou libro de familia, xustificante da ocupación laboral actual dos pais onde conste o horario da xornada e número de conta bancaria para domiciliación, así como a tarxeta sanitaria do neno.
As prazas son limitadas e o prazo de solicitude comeza o 9 de agosto e remata o día 23 de agosto nas oficinas municipais en horario de 08:00 a 14:00 horas.
A Aula de Acollida –Plan Madruga- supón unha importante oportunidade para as familias, xa que permite deixar aos seus fillos desde as 7:15 horas ao cargo de coidadores municipais, quenes se encargan de organizar actividades coas nenas e cos nenos ata o inicio da xornada escolar, momento no que os acompañan ata as súas aulas.
Pola súa parte, a Escola Educativa de Ocio e Tempo Libre de Ribadumia retomará o horario de tarde –adaptándose ó horario escolar- logo de que durante os meses de verán se celebrase pola mañá en distintas Casas de Cultura de Ribadumia. Durante estas horas, os rapaces disfrutarán de xornadas lúdicas organizadas polos monitores, en horario de 16:00 a 20:00 horas.