Ribadumia | Na sesión plenaria ordinaria do día 2 de setembro aprobouse o reparto do 85% das axudas a entidades para o 2021.
Deste xeito as asociacións culturais reciben un total de 20.000 € para un total de 451,75 puntos que se baremaron segundo as bases aprobadas entre 11 solicitudes presentadas.
A contía repartida entre as entidades deportivas ascende a 34.000 €, os cales se repartiron entre os clubs ribadumienses.
As entidades sociais foron beneficiarias do reparto de 9.000 €, manténdose todas as que xa foran solicitantes no ano anterior engadíndose a esta convocatoria TDH Salnés e AFASAL.
En canto ás axudas concedidas para festas parroquiais, reciben un total de 9.552,38 € que se repartirán entre as 6 parroquias solicitantes e entre as Comisións de Festas e asociacións pertencentes ás mesmas.
Finalmente, no referido ás axudas Campus de Verán 2021, as tres asociacións solicitantes recibiron un total de 4.000 € para as diversas actividades que realizan.
De consideración e destacable é que, a pesares de non variar o importe total das axudas concedidas, sí se incrementan as cantidades que percibe cada entidade con respecto ao ano anterior.
En total, estas axudas supoñen o reparto de 67.009,55 euros entre todas entidades e asociacións deportivas e culturais solicitantes das mesmas e veñen a reflectir a importancia que ten para a Corporación Local o fomento da cultura e deporte e o impulso que se pretende dos mesmos.
Finalmente, dende o equipo de goberno quere facerse un recoñecemento á labor que fan todas estas asociacións e entidades en pro do deporte e da cultura, máis incluso tendo en conta a época tan complicada que estamos a atravesar derivada da crise sanitaria polo COVID-19.