Ribadumia | O Concello de Ribadumia vén de aprobar cos votos a favor de IR, PP e PSOE, a proposta para que a “Asociación Cultural grupo de teatro Alecrín”, asociación con sede no municipio, sexa a homenaxeada no ano 2021 como Ribadumienses en prol do Galego polo seu labor na difusión en prol do galego, se ben os actos oficiais de recoñecemento se realizarán cando a situación sanitaria permita a normalización dos actos culturais no auditorio de Ribadumia.
A “Asociación Cultural grupo de teatro Alecrín” creouse no ano 1999 en Ribadumia. Conta na actualidade cun total de 14 membros de distintas idades que abarca dende os 11 e ata os 85 anos. Naceu cun afán de entreter ao público por medio das súas obras teatrais que representan en distintos escenarios. Non obstante, o Presidente da asociación sinala que “á parte de cumprir coa súa finalidade, os compoñentes desfrutan xuntándose para ensaiar e compartir esta actividade de lecer que os fai sentirse máis activos” e que na actualidade viron mermada a causa da pandemia.
Sempre apostaron polo uso do galego en todas as obras realizadas e percorreron distintos concellos e comarcas da provincia representando mediante as súas obras a cultura galega, a exaltación do rural e as tradicións galegas. Levaron a cabo distintos proxectos entre os que se encontra a realización de cancións populares e incluso a creación dun filme gravado en distintos lugares do municipio. Ademais, tamén colaboran coas institucións municipais mediante distintas actividades entre as que destaca a representación da moenda que se realiza cada ano na celebración da Festa do Pan.
Así mesmo, o Concello de Ribadumia co obxecto de festexar as Letras Galegas ten previsto realizar unha programación adaptada e vencellada á figura de “Xela Arias”, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. A programación inclúe un vídeo para difundir nas redes sociais do concello, unha exposición da súa obra e un mural coa sua biografía que será representado na Biblioteca Municipal e unha actividade en streaming a través das redes sociais na que intervirán recoñecidas personalidades do espazo audiovisual galego e persoas vinculadas a figura de Xela Arias.