Sober | O Concello de Sober celebrou hoxe Domingo de Ramos o día grande da XLIV Feira do Viño de Amandi, coa asistencia de miles de persoas. O pregón correu a cargo de Lucía Rodríguez, xornalista e presentadora de televisión con raíces en Sober.
Lucía Rodríguez fixo unha repaso polas súas orixes soberinas, recordando as súas orixes, “os Pinchiñas de Neiras” e agradeceu o traballo dos viticultores e viticultoras que fan posible que “o nome de Sober, da Ribeira Sacra e de Amandi chegue a todos os recunchos do mundo vencellado a adxectivos como excelencia, calidade e heroicidade”. Rematou cunha homenaxe a todos os avós, tamén ao seu, Vicente, patriarca dos Pinchiñas de Neiras.
Os propietarios das adegas participantes levaron un diploma e unha peza de Gundivós, ao igual que o autor do cartel anunciador o vilalbés Eduardo Pérez Baamonde.
Na súa intervención, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, deulles as grazas aos viticultores e viticultoras por “facer de Sober e da Ribeira Sacra un territorio vivo; unha herdanza inigualable que recollemos dos nosos devandeiros; e os que temos responsabilidade debemos salvagardar para futuras xeracións”.
O concello homenaxeado na Feira foi o do Pereiro de Aguiar, representado polo seu alcalde, Luis Menor Pérez.
Calidade dos viños
José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, participou na Feira do Viño de Amandi, que conta con apoio económico da institución provincial. Tomé salientou a calidade dos viños da Ribeira Sacra e a importancia deste sector para o PIB da provincia e a riqueza que xera na comarca, que se ve exemplificado na participación que hai nesta cita, onde se conta con máis de 20 adegas.
O programa de actividades da feira, coa que colabora a Deputación con máis de 10.000 euros a través do Plan Deputación, incluíu a lectura do pregón da xornalista Lucía Rodríguez. José González, conselleiro do Medio Rural en funcións, participou na inauguración o día 22 de marzo acompañado polo alcalde da localidade, Luís Fernández, e o presidente do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra, Antonio Lombardía.
O conselleiro puxo en valor a calidade dos viños de Amandi en particular e da Ribeira Sacra en xeral, así como dos que se producen no conxunto de Galicia. Unha excelencia que, subliñou, “é froito do traballo e a profesionalidade de viticultores e adegueiros, agrupados nos consellos reguladores”.