Monforte de Lemos | A convocatoria desta liña de axudas en 2023 conta con 3 millóns de euros. Con elas preténdese aumentar a competitividade dos produtores vitivinícolas, mellorar os sistemas de produción sustentables e a pegada ambiental deste sector produtivo.
Preténdese así diminuír os custos das explotacións e apostar polo seu redimensionamento ao levar a cabo reaxustes estruturais. Foméntase a adaptación das variedades ás demandas do consumidor, ao tempo que se preservan as viníferas autóctonas galegas, de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación no mercado.
Con estas achegas aumenta o grao de profesionalización do sector vitícola galego, poténciase o cambio xeracional e un desenvolvemento ruraI. Son beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras inscritas no Rexistro Vitícola cuxas viñas se destinen á produción de uva para vinificación, cunha superficie máxima subvencionable de 20 hectáreas por persoa viticultora. Estas achegas aplicaranse ás superficies vitícolas onde se leven a cabo operacións de replantación de viñas, reconversión varietaI e/ou melloras das técnicas de xestión das viñas.
José Manuel Rodríguez González, presidente do consello regulador, recorda que “o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 24 de abril. Neste período, os viticultores inscritos no rexistro da D.O. Ribeira Sacra poderán tramitar as axudas na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, sita en C/Comercio 6-8, 1º piso de Monforte de Lemos. Pódese solicitar cita previa chamando ao teléfono 982 41 09 68.