O TSXG desestimou o recurso de Juan Carlos González Carrera (ACIP) contra o PXOM

O líder de ACIP presentou o recurso conxuntamente con promotores e un condenado por encubrimento no homicidio do “crime do conxelador”

Ponteareas | O TSXG desestimou o recurso de Juan Carlos González Carrera contra o PXOM. O extenente de alcalde Roberto Mera revelou hoxe que o lider de ACIP e actual tenente de alcalde recorreu no TSXG o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), presentando unha demanda conxunta con 6 promotores inmobiliarios e urbanísticos, entre eles unha persoa condenada en 2016 como encubridor nun homicidio cometido en Ponteareas e coñecido como o “crime do conxelador”, no que a vítima apareceu descuartizada nun arcón conxelador, e en 2018 por fraude fiscal.

Mera detallou que “os compañeiros de viaxe de Juan Carlos González para tumbar o PXOM son os propietarios dunha coñecida inmobiliaria ponteareán e persoas con sociedades creadas para desenvolver urbanizacións e outros proxectos urbanísticos que, ao ser incompatibeis co novo modelo urbanístico aprobado, tentaron anulalo e destruilo a través dos tribunais”.

O extenente de alcalde explicou que “son os mesmos que destrozaron urbanísticamente durante décadas Ponteareas, en connivencia cos gobernos da dereita dos Castro e de Juan Carlos González, conseguindo enormes beneficios económicos en prexuizo dos intereses xerais e da veciñanza, e que provocaran a suspensión das normas urbanísticas en 2002, baixo a alcaldía de Nava Castro”.

“O líder de ACIP e actual tenente de alcalde tentou anular o PXOM defendendo sen pudor os intereses económicos duns poucos e en prexuízo de Ponteareas”

Mera pedíu á cidadanía que tome nota “das amizades e alianzas de Juan Carlos González e da dereita no obxectivo de acabar co PXOM. Non defende os intereses da xente nin do rural, como enganosamente fixo crer, senón os intereses duns poucos.”

Grazas ao Plan conseguíronse terreos e conseguiranse máis parcelas para usos públicos, impulsouse a actividade económica con novas áreas comerciais actualmente en construcción e en proxecto e deuse seguridade xurídica a toda a cidadanía. Os únicos perdedores co PXOM foron os especuladores e os políticos como Juan Carlos González que actúan en connivencia apoiándose mutuamente”.

“Grazas ao Plan conseguíronse terreos para usos públicos, impulsouse a actividade económica e deuse seguridade xurídica a toda a cidadanía. Os únicos perdedores foron os especuladores e os políticos como González Carrera”

O extenente de alcalde lembrou, a modo de exemplo, que o PXOM significou, entre outras moitas cousas, evitar a demolición dunha área comercial cuxa licenza concedida por Nava Castro e Juan Carlos González hai máis de 20 anos fora anulada polos tribunais. Se o recurso do líder de ACIP tivera prosperado o Concello tería que pagar unha indemnización millonaria a esa empresa e ducias de empregados e empregadas dese hipermercado terían perdido o seu traballo.