Ponteareas | O xurado do IX Premio de Investigación Fermín Bouza Brey vén de outorgar o galardón da súa novena edición a Roberto Mera por “un interesantísimo proxecto biográfico” sobre a figura de Amado Garra Castellanzuelo, unha investigación coa que se busca recuperar a figura dun persoeiro ponteareán de gran calado e importancia a nivel galego “pero que é un gran descoñecido para a veciñanza”.
O xurado tamén destacou o “carácter inédito” deste proxecto, xa que, malia a ampla traxectoria e intensa vida política e social de Amado Garra, nunca foi obxecto dunha investigación biográfica máis alá de breves artigos ou referencias bibliográficas de aspectos parciais ou puntuais da súa vida.
Garra, avogado e xornalista, foi un dos principais dirixentes do agrarismo galego e líder do republicanismo na provincia de Pontevedra dende comezos do século XX e achegarse a súa vida e obra “permitirá coñecer máis aos movementos sociopolíticos transcendentais no primeiro terzo do século XX, como foron o agrarismo, o republicanismo, o xornalismo como ferramenta propagandística ou as relacións con Portugal, dinámicas das que Ponteareas, a través de Amado Garra, foi un dos seus epicentros”.
O proxecto presentado por Roberto Mera propón un intenso traballo de recollida das abondosas fontes de información existentes para reconstruír a vida de Amado Garra, especialmente as hemerográficas, como por exemplo ás máis de 1.700 referencias ao ponteareán existentes na Biblioteca Dixital de Galicia en 53 publicacións diferentes. A investigación tamén se desenvolverá en diferentes arquivos de Portugal, Galicia e outros lugares do Estado onde o investigador localizou información sobre Amado Garra.
Roberto Mera, gañador desta edición do Premio, é avogado e politicólogo e xa obtivo en 2022 o Premio de Investigación Antón Losada Diéguez, un dos máis prestixiosos de Galicia, polo traballo biográfico e de investigación sobre o seu tío bisavó e tamén ponteareán, Alejandro Viana Esperón, figura moi vinculada a Amado Garra.
Nesta edición, o xurado estivo composto polo recoñecido etnógrafo e historiador, Clodio González, en representación da Real Academia Galega, así como o escritor Silvestre Gómez Xurxo, en representación do Consello da Cultura Galega e do padroado da Fundación Penzol. Tamén o integraban Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, investigador e director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento; Alfonso Caride, responsábel de Actividades Culturais do Campus de Vigo da Universidade de Vigo; o historiador Gonzalo Fernández; e Fernando Groba, concelleiro de Cultura.
Todos os traballos preséntanse ao certame de forma anónima, de maneira que o xurado escolle primeiro o proxecto gañador e a continuación abre a plica para coñecer o nome do autor ou da autora. O premiado dispón de seis meses para realizar o traballo de investigación, que está dotado con 3.000 euros.
En nome do Goberno municipal, Groba traslada os seus parabéns ao autor deste proxecto de investigación que achegará ao público a un personaxe pouco coñecido para os propios ponteareáns e ponteareás. Con este certame o Concello de Ponteareas busca lembrar o nacemento na vila do Tea do ilustre polígrafo e poeta o 31 de marzo de 1901, ao tempo que promove a investigación histórica sobre o municipio e a comarca, afondando así na identidade cultural de Galicia. O premio está aberto a proxectos de investigación científica relacionada cos campos da historia, arte, arqueoloxía, etnografía, literatura ou ciencias sociais co municipio ponteareán como referencia.