Ponteareas | A Sala Multiusos do Auditorio “Reveriano Soutullo” de Ponteareas foi o escenario que permitiu este 20 de novembro a presentación do libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, escrito polo concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, Roberto Mera Covas, e editado por Belagua Ediciones.
O libro constitúe unha homenaxe de Roberto Mera ao seu tío bisavó Alejandro Viana (Ponteareas, 1877 – Cidade de México, 1952), quen fora deputado en Ponteareas durante a II República e que, debido á guerra civil (1936-1939) realizou un labor humanitario en Francia a través do Servizo de Evacuación dos Españois Republicanos (SERE), axudando a 20.000 persoas a fuxir do franquismo e da Falanxe así como da Gestapo nazi en territorio francés, e organizar dende alí a súa evacuación en barcos a América.
Mera, quen ocupou 20 anos na investigación da figura de Alejandro Viana, recoñeceu comezar a súa andaina de elaboración do libro a través das testemuñas do seu avó. Afirmou que a presentación deste libro “é un fito histórico para Ponteareas” e que a elaboración do mesmo “probablemente é o acto máis importante da miña vida” xa que logrei “devolverlle á vida a unha persoa, Alejandro Viana, que estaba sumida no esquecemento público”.
Tamén participaron a editora Edurne Balnes e a escritora Isabel Blanco, quen considerou que este libro-homenaxe constitúe “un acto de xustiza histórica con Alejandro Viana” e celebrou igualmente que a presentación se realizara un 20 de novembro, cando “se cumpren 82 anos da chegada de Viana a México e 43 anos da morte do ditador Francisco Franco”. Pediu igualmente que Ponteareas recoñeza esta figura histórica “cunha rúa ou unha praza conmemorativa”.
O acto contou con aforo completo no auditorio e tamén estiveron presentes autoridades como a alcaldesa Cristina Fernández Davila, o concelleiro de Cultura Fernando Groba, veciños de Ponteareas así como familiares e amigos de Mera.