Salvaterra de Miño | Esta mañá tivo lugar no Concello de Salvaterra de Miño a entrega de premios da XIV edición do Concurso de Slogans contra a violencia de xénero que organiza o Concello de Salvaterra de Miño contando coa colaboración do centro educativo IES Salvaterra de Miño.
En total participaron máis de 90 alumnas e alumnos que presentaron o seu slogan a este certame que se presenta cada ano dentro das accións levadas a cabo con motivo da conmemoración do 25 de novembro e contra a violencia de xénero financiadas ó abeiro da subvencion do Pacto de Estado contra a violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade. A través do concurso búscase que transmitan unha mensaxe e un posicionamento claro de repulsa contra os malos tratos.
Dentro destas iniciativas preténdese asimesmo reunir material para facer unha campaña de difusión e publicidade dalgúns dos recursos que existen para abordar este tema.
O concurso consta de catro premios: tres deles valorados en 50 euros trocables por material educativo, informático, deportivo, roupa ou música e un primeiro de 150 euros trocable do mesmo xeito e cuxo lema formará parte da campaña de sensibilización a través duns marcapáxinas e material promocional neste caso bolsas co slogan ganador que se repartiron entre o alumnado que participou e que formarán da campaña.
Nesta edición o lema gañador foi “Rompe o silencio, constrúe o respecto” de Iván González de 1o da ESO e os segundos premios foron os slogans “Non cales, todos te escoitamos” de Alicia Castro de 1o ESO, “Un contorno con violencia, é un contorno sen convivencia” de Alejandro Sánchez de 2o ESO e “Onde hai sitio para o amor, non hai sitio para a dor” de Brian González de 3o ESO.
O Concello de Salvaterra leva anos traballando cos máis novos na prevención deste tipo de violencia dende idades tempranas para establecer as bases de relacións sans e saudables.