Levamos un tempo escoitando a cantinela de que España se rompe. Claro que os rompedores son sempre os mesmos que non dan feito o traballo: os nacionalismos periféricos porque o nacionalismo central ese non lle causa ningún dano á España dos Reis católicos: unha, grande e libre.
Claro que co xuramento da Constitución por parte da princesa Leonor a cousa parece que se vai endereitar. Alomenos a rapaza dixo que ía servir a España, a España unida claro, con todas as súas forzas. Solicitounos comprensión porque, obviamente, aínda non está preparada pero xa mostra estilo.
Xa se fala dunha nova moda: a Leonormanía, as redes sociais xa se encargarán de subila ao máis alto posible para que non se desanime. A pregunta que podemos facernos é que sabe esta rapaza do paro xuvenil, dos problemas para alugar unha vivenda, de atopar un traballo digno, etc. Ela dende as alturas monárquicas que lle veñen de cuna atrévese a ofrecernos as súas forzas para defender España.
“Xa se fala dunha nova moda: a Leonormanía”
Foi Manuel Azaña quen en 1932 dixo: actualmente en España a forma estricta da vida nacional é a República, aínda que as xentes deslumbradas chegaron a dicir que eu ía deixar de ser español. Eu preguntaríalle que saben eles/as de España e dos españois; porque España é anterior a Recaredo e cando os vestixios de Recaredo desaparezan, España resistirá porque nós, os republicanos que fixemos a República, o que fixemos foi poñer punto a unha disgresión monstruosa da Historia de España que comeza no século XVI cando se corta o normal desenvolvemento do ser español poñendo con toda a súa enerxía e toda a súa grandeza ao servizo dunha dinastía servidora a súa vez dunha idea imperial e católica”.
Pero non nos quedemos no ano 1932. Os que estes días puideron contemplar as rúas de Madrid ateigadas de bandeiras e de carteis coa cara de Leonor entendemos o intento de lavado de cara que se lle quere aplicar á monarquía actual, un barniz de modernidade, ata feminista; pero non hai nin raiña feminista, nin república monárquica. Por desgraza segue sendo o PSOE o garante da permanencia da monarquía actual aínda que esta se retratara ultimamente moi escorada á dereita.
Levamos xa un tempo bombardeados cunha posible amnistía que o lle concedería aos responsables do famoso procés catalán. Na medida en que o tempo se acaba os movementos en contra son máis acelerados cada día.
Por unha banda o PP, que dispón de maioría no Senado, está utilizando esta ferramenta para deter o maior tempo posible o rexistro da proposición de lei que o Goberno en funcións pretende presentar tanto na Mesa do Congreso coma no Senado. Quere reformar por vía de urxencia o artigo 133 que lle permitiría retrasar o rexistro desa lei durante 20 días.
Así mesmo pretende forzar á Mesa do Senado onde ten maioría absoluta para decidir a aplicacion do procedemento de urxencia. Todolos atrancos posibles con tal de que non se constitúa un novo Goberno de progreso, como din os socialistas.
A maiores, 8 membros do Consello Xeral do Poder Xudicial, que está en funcións dende fai 5 anos, entran a saco no debate sobre a amnistía solicitando un Pleno urxente para o vindeiro luns aínda sen coñecer o texto da “famosa” amnistía. Este órgano de Poder segue sen actualizarse dende os tempos de Rajoy cando o PP tiña maioría no Parlamento. Tiña que ser renovado fai 5 anos pero os populares néganse porque así teñen unha arma de ataque ao goberno a súa disposición.
Veremos en que remata todo este rebumbio. Esperemos que as cousas se vaian decantando sen presas pero sen pausas dunha maneira racional e non sometidas a estes ataques de ira, de furia desatada polas camadas da dereita que non asumen que xa non mandan nesta España que din están rompendo e que non acaba de romper.