Ponteareas | Rosalía de Castro chega a Ponteareas co seu particular herbario. A autora, unha das grandes poetas da paisaxe, protagoniza a exposición ‘Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía’, unha mostra da Deputación de Pontevedra na que se recollen imaxes de plantas e flores moi vencelladas á obra da autora máis destacada e universal da cultura galega.
A mostra estará ata o vindeiro 25 de xuño no vestíbulo do auditorio municipal Reveriano Soutullo, no que o público poderá desfrutar dun herbario literario, non científico, que busca aproximarse ao que podería face a propia Rosalía nos paseos que daba e que inspiraron a súa obra.
A exposición, que xurdiu no marco dun proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, consta de cinco seccións con 40 imaxes en total que falan de rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestíbeis.