A Coruña | A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta tarde o libro “Rostros da Coruña” acompañada polo seu autor, Xurxo Lobato, académico da Real Academia Galega de Belas Artes e gañador do premio Ortega y Gasset no 2003.
Trátase dun traballo fotográfico que compila 100 retratos de diferentes persoas afincadas na Coruña, dende persoal sanitario ata artistas, voluntarios de protección civil ou representantes de entidades facendo unha visión panorámica e próxima da cidade. “‘Rostros da Coruña’ amosa unha comunidade con centos de características distintas pero cun relato común que fala de vangarda, de éxito e de orgullo” explicou a alcaldesa, Inés Rey.
Xurxo Lobato desenvolveu o traballo durante o ano 2021, cando as restricións sobre o uso da máscara en espazos públicos aínda estaban vixentes. “Custaba recoñecer a amigos e veciños e o rostro das persoas adquiriu un valor singular e especial que quixen deixar retratado para a historia” sinalou Xurxo Lobato. O fotógrafo tamén destacou a importancia “colectiva” que ten a obra pola compilación de persoas procedentes de diferentes ámbitos. A alcaldesa afondou nesta cuestión e definiu o traballo fotográfico como “unha perfeta radiografía da Coruña na que os veciños e veciñas collen o protagonismo que sempre deberan ter”.
O académico agradeceu a colaboración do Concello para a publicación e destacou a boa disposición da alcaldesa, Inés Rey, para a posta en marcha do proxecto. Inés Rey sinalou que Xurxo Lobato conseguiu “plasmar neste libro varios rostros de cidade, todos eles reais” e concluíu definindo o libro como a “honra dunha cidade que sempre aposta polo progreso e polo que nos define, a arte, a cultura e a beleza”.