San Cristovo de Cea | A XXX edición da Festa de Exaltación do Pan de Cea marca un novo récord no historial do colectivo de panadeiros artesáns e do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, que impulsa esta celebración gastronómica declarada festa de interese turístico de Galicia.
O pan que acompaña todas as comidas volveu ser protagonista principal no Campo da Saleta, onde tivo lugar o evento que incluíu música e baile, comida popular, un mercado de produtos galegos con Denominación de Orixe e IXP e a exposición “Camiño a Santiago”, do escultor de Viduedo, Acisclo Manzano, no edificio multiusos.
As 2.500 pezas que se venderan o ano pasado xa se superaron pola mañá e cinco fornos de retén continuaban cocendo pola tarde para que ningún visitante quedase sen o seu pan. “Pódese dicir que superamos as expectativa; esperabamos unha edición como a do ano pasado, pero esta é moito mellor, chegariamos ás tres mil pezas e aínda se está cocendo pan”, comentaba Carlos Rodríguez, presidente da IXP, ás cinco da tarde, dúas horas antes de clausura.
Para poder servir todo este pan, os fornos de pedra característicos deste lugar traballaron sen descanso toda a noite. Cada fornada precisa un tempo de entre seis e oito horas desde que se amasa o pan ata que se coce, pero un reto destas características require un esforzo e coordinación maior para multiplicar a produción.
“É impresionante, un traballo encomiable”, sinala Carlos, pero ao mesmo tempo gratificante, recoñece, pois é unha satisfacción para estes artesáns do pan ver como os estantes dos postos da festa vanse baleirando porque todos os visitantes queren levar unha ou máis pezas a casa por tres euros a unidade.
José Luís Cabarcos, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, destacou que o ano pasado alcanzou unha produción certificada de case 389 toneladas, xerando un valor económico estimado lixeiramente superior ao millón de euros. Cabarcos lembrou que o Pan de Cea conta co selo de calidade diferenciada desde 2004, polo cal subliñou que “permitiu ser recoñecido en toda Galicia e mesmo comercializarse fóra da nosa comunidade”.
Un pan “cun sabor intenso a trigo elaborado a base de ingredientes naturais e, sobre todo, paciencia e moito agarimo”, como o definiu o xornalista radiofónico Marcial Mouzo no pregón. Ese é o pan de Cea, que este domingo vive a súa festa nun concorrido campo da Igrexa da Saleta. Mouzo deu o pistoletazo de saída sobre o escenario, acompañado do alcalde, José Luis Valladares.
Ás seis e media da tarde quedaban apenas unhas poucas e ultimaba unha nova degustación. “A ver se chegan”, dicía Carlos Rodríguez, presidente do colectivo que agrupa a un total de 13 fornos artesáns situados na localidade. Á comida popular asistiron 450 comensais. “Houbo moita xente”, resumía.
Cea presume do seu pan, que cada vez está presente en máis mesas. Non só en toda Galicia, senón por todo o Estado. “De cada dez pezas, oito van para fóra”, sinalaba Rodríguez. Os principais mercados son Cataluña, País Vasco, Madrid, Estremadura, Valencia e Andalucía. O pan sae do forno ás sete da tarde e ás nove da mañá seguinte está xa dispoñible en calquera punto de España. Esa prontitude na entrega, unida ao feito de que conserva as propiedade organolépticas entre seis e oito días, explica o presidente da IXP, fai que cada vez sexan máis os que non renuncian a mollar na salsa.
Porque o de Cea é un pan perfecto para acompañar un bo aceite, unha tapa de polbo ou para degustar só. “Vender directamente a restaurantes, tendas especializadas e mesmo grupos de familias que ou demandan”, indicou Rodríguez.
No xantar degustáronse varios produtos máis con indicación xeográfica protexida ou denominación de orixe. Tampouco faltou a música. O día anterior celebrouse a ruta do pan de Cea. Os asistentes visitaron sete fornos e degustaron pan con variedade de petiscos, viño, cervexas, auga e refrescos. En cada forno había unha charanga que animaba aos participantes. Pola noite houbo festa musical na Praza do Concello.
Esta celebración consiste nun percorrido por diferentes fornos antigos da localidade. No Forno do Lodairo, ofrecían un pepito de tenreira galega con Indicación Xeográfica Protexida, ademais de pementos de Herbón e embutidos tradicionais. No Forno de Parapeta, os mexillóns ao vapor foron o principal reclamo.
No Forno do Santo, con empanada da “IXP Tenreira Galega Calidade Suprema”. A mellor tortilla, con IXP Pataca de Galicia, ofrecíaa o Forno da Cebola, e o Forno da Cruz ofreceu ovo cocido. O Forno do Abade e o Forno da Eira, xunto co resto de fornos do roteiro, contaban con embutidos tradicionais, viño branco e tinto Bacelo do Mañé.
A ruta comezou ás sete da tarde e rematou ás 22,30 horas, e para poder acceder ao recinto onde se atopan os fornos os asistentes que compraran previamente a súa entrada nos bares ou no Concello de Cea debían trocala por unha pulseira e un vaso para degustar as diferentes opcións gastronómicas.
O ambiente do roteiro estivo amenizado pola música de seis diferentes grupos de música: Candaira, Feitizo de Pau, Pikafoles, Pandereteiras de Celavella, Xunquereteiras e Pratos Mornos. O prato gordo e evento de clausura desta xornada na localidade de Cea foi o concerto do grupo de versións de pop-rock A Banda, que animou o ambiente da Praza Maior co seu espectáculo das 23,00 horas.
O Roteiro dos Fornos supón a introdución á Festa de Exaltación do Pan de Cea. A elaboración e venta do pan supón un impulso económico, e cada ano atrae a máis participantes.