O Porriño/BNG | O vindeiro domingo 12 de novembro o BNG ofrece unha andaina aberta a todas as persoas interesadas en coñecer a diversidade das ribeiras do río Louro e tomar conciencia do seu valor ecolóxico.
A ruta vai ser dinamizada por un técnico ambiental que falará de ecosistemas e de especies, co fin de valorizar o río no seu paso polo Porriño e tamén aprender cuestións relativas á súa protección.
Esta acción forma parte da liña de actuacións que o BNG está a pór en marcha para conseguir para o río a figura de protección ENIL (Espazo Natural de Interese Local).
O ENIL é unha ferramenta poderosa ao alcance da administración local que axudaría a rexenerar os bosques de ribeira e tamén a defendelos de futuras ameazas, ademais de conseguir unha maior implicación cidadá no coidado activo do río ao estimar os nosos valores naturais.
No pleno de maio de 2022 aprobouse por unanimidade a moción presentada polo BNG para impulsar a declaración do río Louro e dos seus regos Laxes e Fonteliño (Couso) como ENIL. Esta figura de protección outórgaa a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia despois de que o Concello elabore unha proposta de memoria motivada.
Á vista de que o PP mantivo paralizada a tramitación ano e medio e que nos orzamentos municipais non se contemplou unha partida para tramitar o expediente, o BNG o pasado de mes de setembro volveu a insistir na importancia de declarar o río Louro Espazo Natural de Interese Local, pero o voto do PP foi agora negativo.
Polos anuncios do goberno que preside Alejandro Lorenzo, a súa intención é usar o espazo á beira do río para grandes eventos, permitir o tráfico rodado e crear zonas de aparcamento, un proxecto incompatible co recoñecemento ambiental que se pretende conseguir.
O punto de encontro para esta actividade será no palco de San Bieito ás 10.30h e terá unha duración de dúas horas e media. Toda persoa interesada poderá sumarse facendo a inscrición previa no tlf. 664687961 ou no correo oporrinho@bng.gal.