Pontevedra | A edición 2021 dos Roteiros Literarios e das Rutas de Arquitectura da Deputación de Pontevedra revalidan a súa excepcional acollida de anos anteriores e arrancarán o vindeiro domingo, 12 de setembro, co cartel de completo para as 225 prazas ofertadas.
As rutas literarias se desenvolverán ata o 1o de outubro cun total de cinco sesións noutros tantos concellos, mentres que os sábados será a quenda das catro rutas arquitectónicas, que comezarán o día 18 e finalizarán o 9 de outubro.
Os Roteiros Literarios son desenvolvidos pola Deputación desde o ano 2017 en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e percorren cidades e vilas que son escenario ou que inspiraron obras literaria. Este ano chegarán a Vigo, Moaña, Salvaterra, Silleda e Pontevedra, ofertáronse 125 prazas e terán como guías a autores e autoras que toman como base obras propias ou alleas ambientadas nos respectivos espazos.
O dramaturgo Ernesto Is será o encargado de guiar o primeiro dos percorridos, este domingo 12 de setembro en Vigo, en horario de 11 a 13.30 horas, e que leva por título Roteiro de dramaturxia, cunha camiñada por aqueles espazos que serviron de inspiración ou nos que se ambientan obras de autores como Marta Pérez, Cunqueiro, Valle-Inclán, María Xosé Queizán.
Posteriormente, o domingo 19 de setembro será o actor, director e dramaturgo Santiago Cortegoso quen ofrecerá en Moaña o paseo titulado O ronco do carneiro, onde contará historias de fuxidos polos montes de Domaio, inspiradas na obra do mesmo título e que falarán dos lugares e das consecuencias da represión franquista na comarca.
Raquel Castro guiará o día 26 en Salvaterra Versos de auga e viño, con paradas en lugares que evocarán a pegada de Cunqueiro, Manuel Puente e Xela Arias entre outros, mentres que o 3 de outubro a xornalista e escritora Ana Cabaleiro guiará en Silleda Memoria e ficción no relato rural, un roteiro que percorrerá parte do centro urbano da localidade para poñer en valor as pegadas literarias que atesoura.
“Estes percorridos rematarán o 10 de outubro en Pontevedra, onde o autor Xosé Monteagudo guiará o titulado Vida cultural, política e social na Pontevedra de Todo canto fomos”
Estes percorridos rematarán o 10 de outubro en Pontevedra, onde o autor Xosé Monteagudo guiará o titulado Vida cultural, política e social na Pontevedra de Todo canto fomos. Percorrerá escenarios desta novela de Monteagudo , en especial os espazos onde se situaban os cafés dos anos 20 e 30 do século XX, algúns edificios relacionados co pulo da docencia nesa época ou os lugares relacionados coa fundación do Partido Galeguista.
Por outra banda, as Rutas de Arquitectura, que a Deputación puxo en marcha para difundir o patrimonio da provincia en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes, volverán percorrer desde o sábado 18 de setembro os pazos, mosteiros, as construcións civís, castrenses e relixiosas da provincia, con catro itinerarios que pasarán por dez concellos e para os que xa se esgotaron hai días as 100 prazas. Estes catro itinerarios, que se celebrarán en horario de 10 a 13.30 horas, estarán guiados polas doutoras en Arquitectura Estefanía López e Luz Paz. A primeira conducirá a estrea o día 18 por Pontevedra e Poio, e no que as persoas participantes visitarán as Ruínas de San Domingos, pazos urbanos e as igrexas da Peregrina e San Bartolomeu en Pontevedra, así como o Mosteiro de Poio.
A segunda das andainas desenvolverase o 25 de setembro na comarca do Baixo Miño, onde tamén Estefanía López guiará este percorrido polo Mosteiro de Santa María de Oia, a igrexa de Santa María e o Castelo de Santa Cruz no concello da Guarda e a Fortaleza de San Lorenzo de Goián en Tomiño. Por outra banda, Luz Paz ofrecerá as explicacións da ruta do 2 de outubro pola comarca de Caldas, nos concellos de Moraña e Catoira, na que se visitarán o Santuario dos Milagres de Amil (Moraña), e as Torres do Oeste, a ermida e a carballeira de San Cibrán de Dimo en Catoira.
A última ruta o 9 de outubro contará coa mesma guía e pasará por espazos patrimoniais na comarca do Salnés, con paradas no Mosteiro da Armenteira (Meis) a Igrexa de Santa María de Dozo (Cambados) e o Pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia). O desenvolvemento destes percorridos estará guiado por un estrito protocolo con tódalas medidas de seguridade e garantías sanitarias e será obrigatorio o uso de máscara.