Na miña neneza e primeira xuventude (épocas de transición política, social e cultural), Roxelio Groba Groba era un home moi coñecido na miña cidade da Coruña, onde exercía a dirección da Orquestra de Cámara Municipal e a dirección do seu Conservatorio Superior de Música.
Miña nai, afeccionada ao piano dende a súa xuventude, traía e levaba ao meu irmán máis novo (único que lle seguiu na aprendizaxe do solfeo e do piano) ao devandito Conservatorio, onde Groba era o facho e a referencia do conxunto de profesores e alunos máis avantaxados. Foi para min, pois, un persoeiro que coñecía non só polas novas da prensa, senón no relato cotián da miña nai.
Groba naceu na parroquia ponteareana de Guláns en xaneiro de 1930, só dous anos antes do pasamento do grande músico pontearéan Rudesindo Soutullo (1880-1932) e cinco anos antes da outra grande referencia musical da Coruña da transición: Ramiro Cartelle (1935-2000). Na süa formación salienta a súa raigame coa música culta de interpretación popular das bandas galegas e, en concreto, coa Unión de Guláns. Mais tamén a súa moi esixente formación académica no Conservatorio Superior de Música de Madrid, onde chega despois de varios anos como director da Unión de Guláns e acada primeiros premios en harmonía, contrapunto e fuga.
Rematada a súa formación botará seis anos de moi esixente actividade musical en Suiza (1962-1968), onde desenvolve outra característica na súa biografía profesional: a apertura ás grandes correntes da música europea e universal (“naquela España non se coñecía o dodecafonismo”, chegou dicir) as que el logo reinterpretará coa creación das súas obras galegas.
Un Groba de 36 anos aveciñouse na Coruña onde desenvolveu-e non son fachendas de coruñés-os tempos fulcrais da súa carreira profesional. E, outravolta, desenvolve a súa actividade de difusión musical e afortalamento da música popular coa dirección das Corais Follas Novas e El Eco e da Banda-Orquestra Municipal da Coruña, compatibilizándoa coa docencia que tanto priorizou (dirixe por vinte anos o Conservatorio Superior de Música da Coruña, mentres da aulas de harmonía, contrapunto, fuga e composición no devandito Centro e funda varios outros Conservatorios galegos).
No 1972 estrea Nova Galicia, cantata que definiu semanas antes da súa morte como o berce da súa verdadeira evolución cara a súa definición como compositor de fondas raíces galegas das que xurde unha obra intregrada nas grandes correntes da vangarda europea e universal.
O seguinte chanzo é a súa achega á construción da grande orquestra de Galicia, fundando e dirixindo a Orquestra da Coruña que logo sería substutída pola Orquestra de Cámara Municipal. Promoveu de xeito sobranceiro a fundación da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG). Unha OSG da que foi compositor asociado, salientando a interpretación da súa Ultreia no seu primeiro concerto e, no seu 30 aniversario o 09.11.2022, a estrea da derradeira das súas obras, a Sinfonía nº 16 Voces da Terra.
Dende mediados dos 90 xubílouse da súa tarefa docente e de dirección de orquestra adicándose a un grandísimo labor compositor (o máis prolífico compositor galego, con máis de 700 obras). Un legado compositivo froito do amor a Galicia, como o definiu él tamén semanas antes da súa morte.
“Roxelio Groba preocupouse tamén pola formación e espallamento da obra das persoas novas compositoras”
Roxelio Groba preocupouse tamén pola formación e espallamento da obra das persoas novas compositoras, dende a súa Fundación Groba e dende a organización na súa Ponteareas do Festival Groba. A súa filla Clara Groba Otero, vioncellista na Orquestra de Cámara galega e profesora de violoncello e música de cámara no Conservatorio coruñés do que o seu pai foi director, faleceu moi nova no 2020.
O seu fillo Roxelio, director da Orquestra de Cámara Galega e profesor de violín e música de cámara no mesmo Conservatorio, segue dende o Festival Groba e a Fundación Groba a desenvolver a tarefa da difusión como universal da música galega.
Fóisenos, pois (poucas semanas despois do grande barítono e investigador musical coruñés Antón de Santiago) un xigante da nosa música e cultura, que continuou o labor patriótico dos Marcial del Adalid, “Casto” Chané ou Pascual Veiga, mais dende parámetros coñecedores das máis avanzadas técnicas e pedagoxías e dende o coñecemento das correntes musicais máis avanzadas. Morreunos o primeiro galego dos grandes compositores europeos e universais e-tamén-o primeiro grande compositor universal dende a súa obra galega.