Sober | O Concello de Sober vén de fallar o concurso do cartel que anunciará a XLV Feira do Viño de Amandi, que se vai celebrar os días 11, 12 e 13 de abril, coincidindo como é habitual coa fin de semana do Domingo de Ramos.
O xurado, formado por técnicos municipais, elixiu entre unha vintena de propostas chegadas de diferentes puntos do Estado. Ademais dos orixinais de Sober, Monforte e Chantada, tamén se recibiron carteis das outras tres provincias galegas. De fóra de Galicia, chegaron propostas de Murcia, Madrid e A Rioxa. Tamén chegou unha proposta desde Francia. O grupo máis numeroso chegou da Comunidade galega.
A proposta gañadora foi a titulada ‘Pandeireta’ da autoría de Rubén Lucas García. O autor do cartel ten gañado numerosos certames en toda España, tamén en Galicia onde os seus orixinais anunciaron festas como o Arde Lvcvs, a Festa do Queixo de Arzúa e a Feira do Viño de Monterrei, entre outros.
Premios
O gañador recibirá 800 euros, e unha peza de Gundivós personalizada, e o seu cartel será a imaxe da XLV Feira do Viño de Amandi. Todos os carteis presentados formarán parte dunha exposición que se poderá visitar na Casa da Cultura.
O deseño que anunciará a Feira do Viño de Amandi será presentado oficialmente o sábado 15 de marzo na capela de Portabrosmos, data na que se dará a coñecer a programación do mes do Amandi e o programa de actividades da XLV Feira do viño de Amandi. Este ano de novo a feira dará comezo na xornada do venres pola tarde. Na foto, o alcalde de Sober Luís Fernández Guitián, abrindo os sobre que contiñan os carteis participantes.