Hoxe presentamos aos nosos lectores a Rubén Martínez Alonso; un escritor que se atreve a desafiar aos tempos e nos ofrece unha novela a punto de saír do prelo. Novela ambientada no Gran Hotel de Mondariz, durante os meses de xullo e agosto de 1928. Rubén Martínez Alonso vén de gañar a XIV edición do Premio Vicente Risco de Creación Literaria. Ademais da contía económica, o premio inclúe a publicación do libro.
Aínda que non tivemos a oportunidade de ler o seu libro si sabemos que nos sitúa diante de dous personaxes que coas escaleiras como eixo argumental nos sitúan naqueles anos en que remataba a Dictadura de Primo de Rivera e se albiscaba a chegada da 2º República, (13/09/1923 a 28/01/1930). Aquí sería presentada a Dictablanda do xeneral Dámaso Alonso que non sería quen de estabilizar a situación e que achandaría o camiño para a chegada da 2ª República en 1931.
Antes de ofrecerlles a nosa conversa con Rubén cecais sería pertinente situarnos, aínda que moi esquematicamente, no Mondariz-Balneario daquelas datas.
Que Mondariz – Balneario foi un dos lugares máis emblemáticos do País e un dos balnearios máis afamados de todo o Estado, e aínda de fóra de España, xa non ofrece dúbidas a ninguén. Por alí pasaron os máis famosos políticos de entón, os militares de máis alta graduación incluídos presidentes de goberno, escritores máis destacados do momento, relixiosos, duques, infantas, sultáns, etc., etc. Nas revistas “La Temporada” e “Mondariz” deixaron as súas lembranzas todos estes personaxes. D. José Echegaray falaría de “El palacio de las aguas”.
Dato curioso é que o Dictador D. Miguel Primo de Rivera preparou en Mondariz-Balneario a que chamaría “Constitución de Mondariz” que pretendía someter a referéndum. Isto ocorría no verán de 1929; en xaneiro de 1930 foi obrigado a abandoar o goberno saíndo cara Francia onde morrería o 15 de marzo daquel mesmo ano, contaba 60 anos de idade. Deixara escrito no libro de honores “a acción destas augas magníficas mellorou a miña saúde, preparándome para un novo período de traballo, que inevitablemente sobrevendrá”. Sería o 16 de agosto de 1929. Obviamente equivocouse.
Precisamante Rubén sitúanos nestas datas e diante deste e outros feitos sobranceiros que en Mondariz-Balneario tiveron lugar.
– Por que remataches en escritor nos tempos que corren?
– Porque che apetece contar historias que están na túa mente, que te atraen, para liberar medos e paixons a través da escrita.
– Por que “As escaleiras do Gran Hotel”?
– Porque sempre sentín fascinación por Mondariz-Balneario cando visitaba ese hotel en ruínas e polas cousas que contaban dese pequeno pobo, o máis pequeno de España, que vivirá unha época dourada nos principios do século vinte, reunindo á xente máis importante do mundo da política, da arte, da literatura. Cando paseaba por aquelas ruínas notaba que tiñan algo máxico.
– Por que as escaleiras?
– As escaleiras como elemento arquitectónico na trama do libro teñen unha importancia decisiva, son un elemento clave cargado de simbolismos; tamén as escaleiras do Gran Hotel, as escaleiras de honra, que eran as principais, estaban rodeadas de lendas; contaban que soamente en Rusia nun palacio había unhas escaleiras semellantes, suspendidas no espazo; o seu autor, o arquitecto D. Genaro de la Fuente sentíase realmente orgulloso da súa obra.
– O teu libro centrase na vida do Hotel durante dous meses, xullo e agosto de 1928. Por que só eses dous meses se a vida do Hotel é máis longa?
– Porque a estadía dos protagonistas, dous mozos de Vigo que van pasar uns días alí, vai coincidir coa primeira visita de Primo de Rivera, nos últimos anos da súa Dictadura. O persoeiro chega a Mondariz e coincide cos dous protagonistas. Durante este tempo vanse dar unha serie de intrigas, precisamente pola presenza deste político no Hotel. Voltaría ao ano seguinte ata que o Rei lle retira a confianza e vaise a París onde morrería ao pouco tempo. É, por tanto, un momento histórico porque estamos nos últimos momentos da Dictadura e nos albores da 2ª República.
Estes dous mozos soñan coa chegada da República que significará liberdade, independencia; no caso dos protagonistas ese soño tamén se extende a súa familia, que espera esa República dende que houbo unha primeira, a do 1873; momento en que tamén son declaradas de utilidade pública as Augas de Mondariz.
– Aparte desta novela ti xa eres un escritor consumado; cóntanos algo das outras túas novelas.
– A primeira, ”1980 (ano cero)”, é unha novela psicolóxica; unha novela na que non existe espazo nin tempo, é como unha suma de reflexións que nos permiten introducirnos un pouco na mente do protagonista, a quen algúns considerarían unha persoa con grandes problemas mentais pero que tamén di grandes verdades.
A segunda, “A saudade do caracol”, é unha novela na que se plasma a historia dunha familia a través dunha muller. Iníciase coa súa marcha ao exilio, a Lisboa, para encontrarse co seu marido con quen tiña casado por poderes. Coa enfermidade do seu home regresa a Galicia e, á súa morte, faise cargo dunha nena que será a nai do último protagonista. Son tres xeracións.
– O outro libro teu de investigación, que investiga?
– Trátase de parte da miña tese doutoral, que se ocupa das sociedades recreativas na Galicia urbana dende 1850 a 1936; no caso concreto deste libro, a investigación xira en torno ao Casino de Vigo. Empecei por aquí porque é a miña cidade e ademais non había nada escrito neste campo.
– Non sentes interese en escribir sobre os casinos das pequenas vilas galegas?
– Centreime nas grandes cidades porque neses anos dáse unha forte explosión de sociedades recreativas. Soamentes en Santiago cheguei a localizar máis de setenta. Hai algunhas destas sociedades de moi curto percorrido, pero outras, como o Casino de Vigo, duran dende 1847 e morren a finais do século vinte. Efectivamente, hai vilas e pequenas ciudades que teñen e tiveron unha vida social e cultural moi activa, pero por unha cuestión práctica céntrome nas grandes cidades porque, ademais, hai moito traballo de campo por facer; e é un traballo moi extenso que require moito tempo e dedicación seria ao mesmo.
– Ademais da pluma tamén lle dás ao verbo, que dirían os clásicos. Como é a túa vida de profesor? Como te encontras fronte aos vinte ou trinta rapaces que poidan corresponderche?
– Eu son licenciado en Historia da Arte; durante o tempo que comecei a miña tese combinaba a investigación coa docencia na Universidade. Agora son profesor de Xeografia e Historia nun instituto de Vilalba, dando clase a nenos e nenas de 1º de Secundaria. A situación é totalmente diferente. É unha experiencia grata pero hai momentos nos que te sentes desbordado; entre poñer orde, explicar determinados aspectos de comportamento e pouco máis, os cincuenta minutos non che dan para moito.
– Citaches a frase clave “poñer orde”. Como cres que se podería acabar co des-orde?
– Unha das claves é conseguir que os alumnos teñan interese no que o profesor lle explica ou solicita. Isto alcanza tamén aos pais dos alumnos. Estamos nun momento en que a xente perdeu o interese nos estudos, non encontra razón para estudar. É un momento moi crítico o actual.
– Debemos falar só de que non ven futuro ou tamén debemos falar de que o profesorado non consegue espertar o interese dos alumnos?
– Ben, é unha suma das dúas cousas. Claro que non é o mesmo a motivación do profesor cando empeza que cando xa leva décadas no ensino. De todas maneiras, penso que é un momento complexo. Cando eu estudaba tiña claro o que quería; hoxe os estudantes non cren que os estudos lles vallan para moito; non ven futuro nas carreiras que se lles ofrecen; saben que unha carreira non lles asegura ningún futuro prometedor.
– Como ves o teu futuro, diante dos nenos/as ou presentando libros polo mundo adiante?
– Non me prantexo as cousas a longo prazo; non quero frustrarme. Sei o que teño hoxe e procuro desfrutalo. O que veña despois xa se verá. Estou moi contento tanto a nivel laboral como a nivel de escrita; iso é o que conta.
– Pois que os “ados do Nadal” che sexan propicios e que vendas moitos libros.