Luis Bará é o candidato que abre a lista do BNG na provincia de Pontevedra, a mesma provincia onde o PP leva a Alfonso Rueda de número un. Bará valora como algo negativo para os ‘populares’ o feito de Rueda ser o número un do PP na súa provincia debido á falta de carisma e “tirón” do actual presidente ‘popular’ na súa propia provincia.
Cal é a percepción que ten do ambiente electoral para o BNG en Pontevedra?
Pois a percepción é boa e nunca vin un ambiente tan favorable. A expectativa de crecemento para o BNG é moi grande e moi alta. Cada día que pasa vemos máis apoios e cada día que pasa vemos que se abre con máis claridade que sexa posible un cambio na Xunta. Pontevedra vai ser moi decisiva porque o PP nesta provincia ten unhas expectativas de voto moi baixas e o BNG máis, por tanto podemos darlle a volta á situación no reparto de escanos.
Porén Pontevedra é a provincia de Rueda, non estaría isto xogando a favor do PP?
Non, iso xoga totalmente en contra do PP porque Rueda é un candidato sen carisma e que non crea entusiasmo entre a xente nin entre os seus. En Pontevedra teñen unha intención de voto baixa, nas anteriores eleccións tivo un 42% de votos, moi por debaixo da media galega; hai zonas da provincia onde o PP ten un desgaste tremendo e onde ten resultados moi desastrosos. Iso será un factor determinante e que nas enquisas podemos ver como a “marca” Rueda tira para abaixo a “marca” PP. Por tanto, que Rueda sexa de Pontevedra non vai influír, creo eu.
“Pontevedra vai ser moi decisiva porque o PP nesta provincia ten unhas expectativas de voto moi baixas”
Cales son as liñas que poría o BNG nunha mesa de negociación a outras formacións políticas que quixesen formar un goberno alternativo ao do PP co BNG na presidencia da Xunta?
Nós temos un programa cuns eixos prioritarios que Ana Pontón xa presentou e responden ás demandas sociais en xeral. Estas pasan por unha maior capacidade de decisión para Galicia, cun autogoberno máis forte, que poñamos en marcha a reactivación do país, sobre todo no ámbito económico e na xeración do emprego e o desenvolvemento dos sectores produtivos. Tamén está a potenciación dos servizos públicos como a sanidade, a educación e todas as políticas sociais e de coidados. Apostamos por un sector científico forte como panca de transformación, termos a enerxía ao servizo do desenvolvemento do país e que os beneficios queden aquí e afrontarmos o desafío climático. Logo, conseguirmos un equilibrio no territorio para reducir as desigualdades que se están xerando entre unhas zonas e outras en rendas e acceso a servizos.
Un dos temas é a fixación de xente no rural dándolles facilidades. Cales son os puntos do BNG para unha solución nesta área?
Está claro que o futuro do rural pasa porque teña riqueza, xere riqueza e emprego. Pensamos na necesidade de dirixir accións para o sector primario como a xeración de novas actividades económicas e de transformación. No sector primario un dos elementos fundamentais é a mobilización da terra. Propoñemos mobilizar 100 mil hectáreas de terra abandonada ou forestada ilegalmente e recuperala para o uso agrario ou actividades con un interese elevado como a gandería, tanto de leite como de carne, ademais doutras actividades onde somos deficitarios como é en horta, cereal ou froita. Pensamos que o desenvolvemento da cadea de valor da madeira pode crear moita riqueza no rural. O sector enerxético, cunha forte implantación no rural, ten que ser tractor para crear novas actividades e beneficios. Propoñemos o tiquet rural; 15.000 euros para o emprendemento de novas actividades no rural, sobre todo para a xente moza, todo isto son algunhas das medidas propostas. Outras están relacionadas coa discriminación positiva que debera ter o rural dentro dos investimentos públicos en canto a servizos no rural. Non podemos poñer servizos nos 30.000 núcleos que hai no país mais si nas principais cabeceiras como son as dos concellos.
Hai décadas que se fala da reforma do estatuto ou o desenvolvemento do existente. Á parte, está a lei electoral que parece beneficiar máis ás provincias de Lugo e Ourense en detrimento da Coruña e Pontevedra, as máis poboadas. Cales serían as propostas do BNG para a reforma do estatuto e da lei electoral?
Polo lado estatutario nós buscamos desenvolver todas as competencias previstas no actual Estatuto de Autonomía, como son as de materia ferroviaria, enerxética, do litoral ou cultura. Tamén a transferencia de competencias nas infraestruturas e sobre o mar e a costa. Hai unha lista grande de materias que se deben abordar. Sobre a lei electoral presentamos unha proposta que tiña unha serie de claves. Unha delas é que se tes dezaseis anos pois con esa idade a xente nova pode tomar outro tipo de decisións e por iso nos parecía bo que se puidese votar con dezaseis anos. Tamén pedíamos eliminar o 5% de votos do total para poder acceder ao Parlamento e tamén unha serie de mecanismos que permitan unha maior transparencia e participación no proceso electoral. Sobre isto último, pedíamos a regulación dos debates pedindo que sexan obrigatorios e tamén o papel dos medios públicos que garantan unha información veraz e tamén plural, sobre todo no proceso electoral. Sobre o reparto electoral, consideramos que non é unha cuestións primordial; ten esa discriminación positiva a favor das provincias de Lugo e Ourense, mais non o consideramos un tema primordial.
Despois de quince anos con gobernos continuados do PP e logo unha enquisa do CIS falando dunha perda da maioría absoluta dos ‘populares’ e despois outras que dicían xusto o contrario, como interpreta esta ida e volta nas sondaxes e a posibilidade dunha posible perda de maioría absoluta?
Todas as enquisas apuntan unha tendencia á baixa do PP; ten falta de empuxe e falta de empatía que son dous elementos importantes. Por outra parte, logo vese unha tendencia de suba do BNG que se potencia e amplifica polo altísimo valor que ten a candidata á Xunta, Ana Pontón, como líder e como posible futura presidenta. Hai unha maioría que é partidaria dun cambio, que non gostaría dun goberno do PP, por tanto, o PP benefíciase de que hai unha tradición ou unha sensación entre moita xente de que vai gañar o PP. Eu vexo unha correlación distinta, que hai unha maioría que quere cambio e hai unha candidatura e liderado que pode encarnar esa idea de cambio e apertura para unha nova etapa para este país. Para min deberían darse dúas circunstancias se buscamos un cambio, incremento da participación sobre todo en sectores abstencionistas, e que o voto de cambio se concentre na candidatura de Ana Pontón para non dispersar ese voto progresista.
“Hai unha maioría que é partidaria dun cambio, que non gostaría dun goberno do PP”
Para vostede que suporía a entrada de Democracia Ourensana no Parlamento?
Primeiro, ver se se produce ese feito. Por outra parte, as posicións ultra localistas e ultra populistas non achegan grande cousa, aínda que cada quen ten dereito a votar libremente mais vexo a Ourense ben representado cunha opción como é a do BNG. Se logo fose unha forza chave para facer a Rueda presidente, dependerá do resultado. Se sucede algo así, Democracia Ourensá decantarase polo PP pois ambas as dúas forzas se apoiaron mutuamente no Concello e na Deputación. Nós traballamos para que iso non suceda e confiamos que DO non teña garantido entrar no Parlamento.