Galicia é unha nación de seu, un país ben individualizado, unha nacionalidade recoñecida no seu Estatuto. A súa identidade ven de moi lonxe: fomos o primeiro ‘regnum’ da Europa (século V). Mesmo nos tempos modernos (1936) aprobamos por unha amplísima maioria un Estatuto e contamos dende 1944 cunha institución fideicomisaria (o Consello da Galiza presidido por Castelao até a súa morte no 1950) desa vontade de liberdade e autogoberno . O noso dereito a ser, a nos autogobernar, a vivir e a prosperar é, pois, anterior á Constitución.
Ademáis, a dependencia de Castela-Madrid freou o noso desenvolvemento económico. Hai 200 anos eramos o país máis poboado do Estado. Hoxendía só representamos o 5,4% do PIB e o 5,2% da poboación estatal. Para máis, os nosos alicerces económicos (construción naval, complexo mar-industria, sector leiteiro, forestal-industria, actividades turísticas orientadas ao cualitativo/cultural/natural) son para o Estado substancialmente prescindíbeis.
Calquera presidente dun país nesta situación xa non patriota, senón cun mínimo sentido de responsabilidade cívica, decataríase de que a nosa única arma é a singularidade, a particularidade, a bilateralidade. Certo é que Rueda foi elixido no seo do partido da dereita española, mais dentro do seu partido existen importates sensibilidades a prol desta bilateralidade.
Rueda apartou esta primavera do Goberno galego ás persoas máis vencelladas ao actual líder estatal do PP, Núñez Feijóo, mais ten amosado até de agora que non é quen a se autonomizar da súa titoría. No canto de conectar coas necesidades galegas, no ámbito do autogoberno e do seu financiamento e dun seu desenvolvemento económico autocentrado decidiu limitar a súa actuación a repenicar esa coral de presidentes autonómicos populares aos que Núñez Feijóo prohíbe tratar de ti a ti co Estado (mandato que semella comprnesíbel paraa Rioxa ou Murcia, máis nunca para Galicia). “Nada de conversas bilaterais sobre financiamento…”, afirmou o presidente galego na rolda de prensa posterior ao Consello do luns 9-S.
Rueda non pode descoñecer que son as comunidades de Asturies, Cantabria, Extremadura e Castela-León as máis beneficiadas coa aplicación actual da lei de financiamento que rexe para os 15 territorios de réxime común dende o comezo de 2010. Non pode descoñecer que xa os vicepresidentes Mella e Barreiro e o presidente Albor defenderon nun goberno AP-independentes un financiamento singular (concerto) para Galicia a medio dunha reforma estatutária hai 40 anos, cunha recadación fiscal na Galicia entón ben máis cativa ca de hoxe.
“Rueda non pode descoñecer que son as comunidades de Asturies, Cantabria, Extremadura e Castela-León as máis beneficiadas coa aplicación actual da lei de financiamento”
Non pode ficar cego ao infrafinanciamento dos nosos servizos públicos, á singularidade do avellentamento e o espallamento da nosa poboación. Non pode pechar os ouvidos á trampa que os conceptos xurídico-financieros “capacidade fiscal” e “poboación axustada” supón para os nosos benestar e autogoberno.
Quizais tamén sexa este o intre aquelado para que as organizacións empresariais, profesionais e sindicais, xuristas, economistas, politólogos, as nosas Universidades e os medios de comunicación abran un amplo debate sobre esta grave cuestión do financiamento e procuren xerar ideas claras cara un consenso a respecto do que de verdade nos convén como País, sen ollar nin aos intereses de Núñez Feijóo e do PP estatal nin a lugares comúns sobre Galicia como país subsidiado que só pode sobrevivir da solidariedade estatal que non son compatíbeis coa realidade da nosa potencialidade económica e da nosa recadación fiscal nesta altura do século XXI.
Desprezar a bilateralidade é dispararmos un tiro no pe. É sacrificar os intereses do noso País a prol dos intereses do PP estatal. Que non, certamente, do PP galego.