Santiago de Compostela | O presidente Alfonso Rueda imprime o relevo xeracional na Xunta de Galicia para o período 2024-2028. Con novos rostros, nos cargos deste equipo de goberno definido o pasado 14 de abril predomina a “xeración de 1980 e 1990”, unha clara aposta do presidente da Xunta por acometer os novos retos desta lexislatura, moi probablemente co foco nas súas relacións coa Moncloa, particularmente trala recente decisión do presidente de goberno Pedro Sánchez de continuar no seu cargo.
Esa intención por dar unha imaxe máis xuvenil pareceu predominar na mensaxe institucional nas redes sociais (TikTok) na que Rueda deu a coñecer o novo goberno galego.
Rueda amplía a doce as Consellerías coas que gobernará nesta lexislatura, destacando a eliminación das Vicepresidencias e achegando catro novos Conselleiro/as: María Martínez Allegue en Vivenda e Planificación de Infraestruturas; José López Camps en Lingua, Cultura e Xuventude; Antonio Gómez Caamaño en Sanidade; e María José Gómez Rodríguez en Medio Rural. Permanecen Diego Calvo Pouso en Presidencia, Xustiza e Deportes; Ángeles Vázquez Mejuto en Medio Ambiente e Cambio Climático; Román Rodríguez González en Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional; Fabiola García Martínez en Política Social e Igualdade; María Jesús Lorenzana Somoza en Economía e Industria; Miguel Corgos López-Prado en Facenda e Administración Pública; e Alfonso Villares Bermúdez en Mar. Tamén permanece José González Vázquez pero agora na carteira de Emprego, Comercio e Emigración.
A reestruturación de Rueda afectou a 70 cargos do anterior goberno na Xunta, con particular incidencia na renovación da cúpula do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) Os catro novos cargos na Consellería de Sanidade son José Ramón Parada Jorgal como xerente do Sergas, Alfredo José Silva Tojo como director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas; Amparo Pousada Soliño como directora de Recursos Económicos do Sergas; e Mar Pousa Cobas como directora de Recursos Humanos do Sergas.
Por outra banda, o Consello da Xunta nomeou como director da nova Oficina de Coordinación Económica a Juan Carlos Reboredo Nogueira. Sandra Vázquez será a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias; Roi Añón será o novo director de Augas de Galicia; Paula Uría Traba asumirá a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático.
Ramón Martínez Boga será director xeral de Calidade Ambiental; María Quintana será a nova directora xeral de Promoción da Igualdade; Roberto Barba Alvedro asumirá a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero; e Sonia Lafont será a nova directora xeral da Axencia Tributaria de Galicia.
Lara Meneses será directora xeral de Xuventude; Marta Marino a nova directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social; Juan José Cerviño levará a Dirección Xeral da PAC e Control da Cadea Alimentaria e Marta Villaverde Acuña ocupará a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.
Reformulado o novo goberno ata 2028, Rueda deu peso á diáspora iniciando na Arxentina a súa primeira viaxe internacional como novo presidente da Xunta. Co obxectivo de reforzar as relacións institucionais, económicas e culturais, Rueda reuniuse cos representantes da colectividade galega no país austral para dar a coñecer os proxectos da Xunta en materia de retorno dos galegos do exterior.