Cadernos da viaxe.
Este domingo 12-F a Praza do Obradoiro, a primeira Praza de Galicia, encheuse de xente-máis de 20.000, segundo as cativas contas da Policía Local compostelá- a prol da sanidade pública galega e, xa que logo, contra da política sanitaria da Xunta. Observadores imparciais avisaron do pouco aquelado das contas policiais: “no Obradoiro collen só 18.000 persoas, a praza xa estaba chea e aínda eran milleiros para entrar”, dicían. En calquera caso un mundo de xente.
O Presidente Rueda laiase de que é unha protesta política e ten razón. Porque as accións públicas que definen o perímetro das prestacións públicas sanitarias e a asignación de recursos á sanidade pública son política ao cento por cento. Nacen dunha escolla por un modelo de sociedade e por unhas prioridades e o que ficou clariño onte foi o que xa milleiros tiñan moi claro: que nos intereses xerais que defende o PPdeG non está o mantemento e mellora da sanidade pública galega. E que poden ser maioría votante os que si a defenden.
Botémoslle unha ollada a algúns números. O orzamento da atención primaria galega acadou só o 11% do gasto público sanitario no 2018, ben lonxe do 25% sobre o total do gasto sanitario que aconsella a OMS e mesmo da media estatal do 14,2%. Velaí, logo, a causa principal do colapso nas urxencias hospitalarias e das máis de 40.000 persoas na Galicia que fican na agarda dunha intervención cirúrxica (máis de 77 días de media fronte aos 54,5 do 2019) Tamén do incremento do tempo de agarda das consultas coas especialistas, que hoxe abanea entre os 6 e os 12 meses.
“Os recurtes sanitarios pularon dos seguros de saúde privados na nosa Galicia nun 22.8% dende 2015”
Os recurtes sanitarios pularon dos seguros de saúde privados na nosa Galicia nun 22.8% dende 2015. Malia todo, case o 77% da nosa cidadanía galega opta pola pública e só un 19% pola privada, fronte ao 37% dos madrileños.
Cómpre falarmos á parte dos soportes técnicos, encargados contractualmente a empresas privadas (nomeadamente multinacionais) que , moi lonxe de fornecer en tempo real de todos os dados precisos á sanidade pública galega e achegarlle a colaboración precisa, orientan os recursos a facer máis probas e desenvolver máis tratamentos (non dubido que un bó número deles necesarios) furtando da sanidade pública galega a información precisa para a súa autoavaliación e para faceren a diagnose da saúde da poboación, como afirma a doutora Luisa Lores, antiga directora do CHOP-SERGAS de Pontevedra.
A pandemia agravou as cousas, mesmo amosando na Galicia un incremento da letalidade que non ten máis motivo posíbel ca o das retalladas sanitariss e, nomeadamente, as sofridas pola primaria. Velaí que a cidadanía estea xa tan avisada e alerta na defensa da xoia da coroa do Estado do Benestar no noso País, na defensa da sanidade pública galega. Obxectivo na que semellan coincidir ferreñamente BNG e PSdeG, canda a sociedade civil organizada.