Visto con outros prismas que fuxan da (des) información dos mass media, o surrealista e fracasado putsch de Yevgueni Prigozhin e do seu Grupo Wagner contra o establishment do Kremlin o pasado 23-24 de xuño debe ser medido á luz de acontecementos similares na historia contemporánea rusa, cuxos efectos non necesariamente levaron a cambios de poder, por moito que en Occidente obsesivamente queran interpretalo así.
“O surrealista e fracasado putsch de Yevgueni Prigozhin e do seu Grupo Wagner (…) debe ser medido á luz de acontecementos similares na historia contemporánea rusa, cuxos efectos non necesariamente levaron a cambios de poder”
Comecemos pola rebelión dos ‘decembristas‘ de 1825 na Rusia imperial zarista. Mentres a Europa post-napoleónica afrontaba os difíciles equilibrios que para o status quo da “vella orde” supoñían os cambios revolucionarios de 1789 (e que logo se ampliaron coa Europa revolucionaria de 1848), un grupo de militares rusos decidiu implantar ideas republicanas ‘occidentais’ que cambiara a retrógrada autocracia zarista.
O resultado foi diametralmente oposto ás ideas dos ‘decembristas‘: o aplastamento desta rebelión militar de 3.000 soldados (en 2023, Prigozhin e Wagner agardaban ter a súa man uns 25.000 efectivos para tomar Moscova) levou ao reforzamento da autocracia zarista. Con todo, a rebelión ‘decembrista‘ anunciou a polarización de modelos que dalgún xeito definiron a Rusia dos séculos XIX e XX e que ata hoxe tamén seguen presentes: os ‘occidentalizantes‘; os ‘eslavófilos’; os ‘populistas’ naródniki; e tamén os ‘eurasianistas‘.
En febreiro e outubro de 1917 sucederon rebelións con cambios políticos vertixinosos. O final do zarismo (febreiro dese ano) levou á primeira (e inestable) experiencia republicana baixo o mando de Aleksandr Kerenski cun país sumido na I Guerra Mundial. Visto igualmente en perspectiva histórica, ese podía ser o cambio que agardaban os ‘decembristas‘ de 1825.
Kerenski foi posteriormente superado en outubro de 2017 pola denominada revolución bolchevique (que para moitos foi un ‘golpe de Estado’ contra un goberno lexítimo pero impopular). Toda vez, Lenin e os bolcheviques lograron firmar o armisticio con Imperio alemán a comezos de 1918 que permitiu a saída rusa da ‘Gran Guerra’ europea (un desastre militar que, visto en perspectiva histórica, pode moderadamente compararse coa actual guerra rusa en Ucraína), Rusia sumiuse nunha guerra civil con implicación occidental a favor ou ben do mantemento dun zarismo reformado ou ben da asunción dun réxime anti-bolchevique e prooccidental. A crise rematou coa vitoria militar dos bolcheviques e a creación en 1922 da primeira república socialista da historia, a URSS. Esa mesma URSS que marcou decisivamente gran parte do curso da historia mundial do século XX.
En agosto de 1991, en medio das expectativas e tensións emanadas da perestroika de Mijaíl Gorbachov, a ‘vella garda’ bolchevique tentou un golpe chapuceiro (dalgún xeito similar ao acontecido con Prigozhin e os Wagner en 2023) que logrou tomar o poder por tres días. A rebelión popular e os intereses occidentais determinaron unha voráxine dos acontecementos que terminaron superando esa crise cun final histórico: a sepultura da URSS e a asunción dunha Federación rusa que, con Boris Ieltsin no poder, transitou por fases de inestabilidade nos post-soviéticos anos 1990. Iso si, tutelado, dominado e apoiado polos intereses occidentais que fixeron da Rusia desa época un experimento tráxico de privatización a gran escala que definiron as bases dun réximen ‘oligocrático‘ ata hoxe imperante.
Fases de inestabilidade que, en 1993, o propio Yeltsin debeu acometer con outra rebelión, neste caso de carácter institucional: o Parlamento (a Duma), no que os comunistas tiñan unha forte presenza, rebelouse contra os cambios constitucionais de Yeltsin e atrincherouse para ser finalmente aplastado por medio dunha operación militar. Con mortos na Casa Branca, sede do poder parlamentario ruso, Yeltsin consolidou o seu poder visiblemente apoiado por Occidente. E, visto outra vez en perspectiva histórica, o de Yeltsin foi unha reprodución máis ou menos similar do que aconteceu cos ‘decembristas‘ de 1825.
E así chegamos ao rocambolesco putsch de Prigozhin e dos Wagner de xuño de 2023. Unha mirada a ‘voo de páxaro’ da a entender que esta rebelión non ten aristas ideolóxicas nin políticas motivadas por un cambio de réxime: é un pulso ‘personalista’ entre Prigozhin, oligarca de escuro pasado, contra unha ‘oligocracia‘ que domina na Rusia de Putin, apuntando ao estamento militar principalmente dirixido polo ministro de Defensa Serguei Shoigu, rival político de Prigozhin. A tensión tivo máis que ver cun pulso de poderes entre corporacións militares privadas que medraron nestes anos contra o estamento militar estatal.
“Putin e o estamento militar (…) encamiñan a Rusia a un réxime ultranacionalista de visible calado pretorianista militar”
Aplacada, cando menos en apariencia, esta rebelión vén a pregunta: estamos en vésperas dun cambio político en Rusia, como ocorreu en 1917 ou 1991? Esta o réxime de Putin debilitado? Contrario ao que frecuentemente lemos nos mass media occidentais, a resposta dista moito dese horizonte. Putin e o estamento militar, se ben humillados por esta inédita rebelión, encamiñan a Rusia a un réxime ultranacionalista de visible calado pretorianista militar. Incluso o ‘desterro’ de Prigozhin a Bielorrusia da a entender que Moscova ten aliados na súa esfera que lle permiten solucionar estas crises.
Ao calor dunha guerra ucraína cuxo desenlace moi probablemente dirimirá un novo ‘Pano de Aceiro’ entre Occidente e Rusia sen necesariamente observar vencedores nin vencidos (a nivel político e militar) pero cun drama humanitario sen precedentes na historia contemporánea europea, as Forzas Armadas rusas fortalecerán as bases do réxime putinista incluso se ten que dar ese paso sen o propio Putin. Unha posible transición acordada entre elites que, se vemos no prisma da súa historia, tamén estivo presente en Rusia. E non esquecemos un dato: en 2024 realizaranse eleccións presidenciais en Rusia e Ucraína. Pode que este factor tivera tamén o seu efecto no surrealista, estraño e chapuceiro putsch de Prigozhin-Wagner contra o Kremlin.