“A peor matanza terrorista en dúas décadas en Rusia”. Así resumen practicamente tódolos xornais internacionais o atentado terrorista suscitado durante un concerto en Moscova este 22 de marzo, con ata os momentos aproximadamente 135 falecidos, cifras que moi probablemente seguirán medrando nas próximas horas.
Tralo atentado viñeron as inmediatas reaccións. Unha facción do Estado Islámico (Daesh en árabe; ISIS en inglés) denominada do Gran Khorasán (ISIS-K) asentada en Afganistán atribuiuse o atentado. Non obstante, o recentemente reelecto presidente ruso Vladímir Putin asegura existir unha presunta pista ucraína (e quizáis tamén exterior) detrás do mesmo prometendo “vinganza”, un ton moi similar ao que empregara no pasado contra os terroristas chechenos.
Dende Kiev negan obviamente esta implicación toda vez atribúen este atentado aos precedentes dos propios servizos de seguridade rusos, facendo un paralelismo cos atentados de agosto de 1999 no sur de Rusia (que causaron máis de 300 mortos) pouco despois da chegada de Putin ao poder, neste caso como primeiro ministro. O Kremlin culpou entón aos terroristas chechenos.
O Kremlin segue manexando a Kiev como a principal liña de investigación detrás do atentado. A voceira do goberno ruso María Zajárova criticou a Washington de non otorgar a información suficiente no momento de advertir desta posibilidade de atentado terrorista. Non obstante, en febreiro pasado os servizos de intelixencia estadounidense advertiron ao FSB ruso da posibilidade dun atentado terrorista en Moscova, indicando a pista do ISIS. Putin cualificou esta advertencia de “chantaxe”. Con todo o atentado en Moscova evidenciaría igualmente a vulnerabilidade da seguridade interna en Rusia, co foco agora concentrado na imaxe do presidente ruso e na eficacia dos seus servizos de intelixencia.
Tras ocorrer o atentando, Washington apresurouse a enviar condolencias. Incluso a propia viúva de Aléxei Navalny sumouse ás mesmas. En Europa, o presidente Emmanuel Macron e a presidenta da Comisión Europea Úrsula von der Leyen aparcaron momentaneamente o seu ardor belicista contra Rusia para expresar tamén a súa solidariedade pero enfatizando a súa mensaxe de cara ao “pobo ruso” e non no seu goberno, un factor clave que evidencia notoriamente os intereses detrás da actual conxuntura.
“A que obedece esta inesperada reaparición do Estado Islámico? Que tanto sabía Washington do atentado?”
A pregunta é: a que obedece esta inesperada reaparición do Estado Islámico (agora con esta facción ISIS-K) cun atentado nun país en guerra como Rusia? Por que agora nun momento en que Rusia ten demostrado capacidade suficiente para resistir o envite das sancións occidentais e do esforzo bélico en Ucraína? Que tanto sabía Washington do atentado? Retrotrae esta perspectiva a validez desas informacións sobre a presunta implicación dos servizos de intelixencia estadounidenses e dos seus aliados na irradiación do yihadismo internacional con fins claramente xeopolíticos? Non debemos esquecer que Rusia sempre foi un obxectivo do yihadismo, particularmente pola presenza de numerosas comunidades musulmáns dentro da Federación rusa pero tamén en Asia Central e o Cáucaso. Explotar este factor, especialmente de cara a etnias como as tadyika, kirguiza, os chechenos, daguestaníes ou tártaros, e particularmente no relativo as súas relacións coa predominante etnia rusa, sempre foi un instrumento clave para os obxectivos yihadistas.
Por outra banda pódese intuir que o ISIS desexe atacar en reacción á intervención militar rusa en Siria desde 2015 que permitiu ao réxime de Bashar al Asad recuperar posicións militares e manterse no poder precisamente derrotando ao ISIS. Non obstante era vox populi nos centros de poder a ralentización minguante da ameaza deste movemento integrista en Oriente Próximo, particularmente no territorio entre Siria e Iraq.
Esa sensación de fracaso do yihadismo tamén se observa no Cáucaso ruso, en particular ante a desaparición do efémero Emirato do Cáucaso e a neutralización e pacificación rusa do irredentismo checheno; a tal punto é evidente que forzas chechenas loitan ao lado das rusas en Ucraína. E se ben é certo que os Talibáns volveron ao poder en Afganistán en 2021, o ISIS-K loita contra este réxime tentando irradiar a posibilidade de renovación do integrismo yihadista cara Asia Central. O retorno Talibán ao poder tivo precisamente en Rusia e China aos seus principais benefactores políticos e diplomáticos, toda vez a retirada occidental de Afganistán significou un notorio triunfo xeopolítico para Moscova e Beijing.
Por outra banda habería tamén que atender ao contexto actual ruso-occidental para tentar observar que outras razóns poden estar detrás deste inesperado retorno do terrorismo yihadista. En medio dunha guerra ucraína en fase de estancamento para os intereses occidentais, cun equilibrio militar moito máis favorable a Rusia (horas antes do atentado a aviación rusa realizou o ataque máis contundente contra instalacións enerxéticas ucraínas) e un Putin politicamente reforzado dentro do Rusia, perspectiva na que Occidente xa interpreta a súa aparente imposibilidade para apartalo do poder, o atentado terrorista en Moscova podería ser interpretado e utilizado por Occidente como un instrumento que reflicte a vulnerabilidade rusa para, por outra parte, implicar eventualmente a posibilidade dun ‘reseteo’ dentro das súas agrias relacións con Putin.
“O recurso do yihadismo terrorista como inimigo común pode ser instrumentalizado por Washington como elemento de presión cara Rusia para afastala de China e desequilibrar o eixe euroasiático”
Así, o recurso do yihadismo terrorista como inimigo común pode instrumentalizarse agora como unha inesperada estratexia por parte de Washington para tentar reducir o nivel de tensión con Moscova, mirando sempre ao temido contexto de espallamento da crise ucraína de cara ao temido escenario nuclear.
Alén do seu apoio militar a Kiev e das expectativas defensivas e militares europeas, Washington e a OTAN entenden que Rusia, lonxe de estar derrotada no terreo militar e resistindo con fluidez ás sancións occidentais, ten capacidade para desequilibrar ao seu favor o conflito ucraíno. Lonxe de ser un paria internacional como Occidente agardaba, Rusia está ben posicionada nas súas alianzas en Asia (China, India, Turquía, Irán), África e incluso América Latina (Venezuela, Cuba, Nicaragua) A sociedade rusa, non menos condicionada pola propaganda do Kremlin, ven de lexitimar masivamente o mandato presidencial de Putin.
Por outra banda, o Kremlin pode utilizar o atentado como un instrumento de xustificación dunha maior militarización dentro de Rusia ante a fase expectante dunha posible contraofensiva na fronte ucraína e un conflito a grande escala contra a OTAN, tal e como observamos na retórica belicista entre Bruxelas, Washington e Moscova.
Neste contexto gravita igualmente outro imperativo estratéxico: a enésima tentativa de Washington para tentar ‘limar asperezas’ con Moscova provocando un distanciamento dentro da alianza estratéxica ruso-china, un eixe euroasiático cada vez máis consolidado, especialmente trala guerra en Ucraína e as tensións en torno a Taiwán, o Mar de China Meridional, o pacto ‘atlantista’ AUKUS en Asia Oriental e a recuperación de Corea do Norte como aliado militar ruso. Romper esta ecuación estratéxica sino-ruso é un imperativo para Washington e máis cando Beijing ten acadado capacidade suficiente para impulsar sendas iniciativas de negociación en Ucraína e tamén en Gaza.
Esta perspectiva xeopolítica occidental de tentar afastar a Rusia de China pode ter unha nova dimensión no caso de que Donald Trump volva en novembro á Casa Branca, tomando en conta as coñecidas simpatías do ex presidente estadounidense por Putin e das súas intencións de ‘resetear’ o eixe ‘atlantista’ fraguado pola Administración Biden ao calor da guerra ucraína.
Ese eixe ‘atlantista’ do que Trump quere tomar distancia veuse reforzado pola recente ampliación da OTAN (Suecia e Finlandia) toda vez Europa adopta agora un inesperado discurso cada vez máis belicista.
“A pista ucraína do Kremlin implica tamén a Washington e Bruxelas, o cal reforzaría aínda mais esta atmósfera de tensión permanente ruso-occidental”
Especulacións aparte, tras este atentado dificilmente observaremos un inmediato cambio nas relacións ruso-occidentais cara un clima de maior entendemento. A pista ucraína do Kremlin implica tamén a Washington e Bruxelas, o cal reforzaría aínda mais esta atmósfera de tensión permanente ruso-occidental. Pero como sabemos, a política é o arte de todo o posible. Está por ver se o atentado terrorista en Moscova pode implicar ese hipotético ‘reseteo’ ruso-occidental ou se, polo contrario, reforzará aínda máis o actual clima de confrontación cara escenarios inesperados.