Preguntoume un amigo, estes días, a miña opinión sobre o conflito de Ucraína e respondinlle que non son moi optimista. Acho que só unha quebra interna da cúpula, civil ou militar, que sostén a Putin podería deter a guerra, porén no caso de producise e que Putin falecese e o líder do país fose outro, a belixerancia de Rusia contra Ucraína non desaparecería. É posible rastrexar a razón na análise do conflito cunha perspectiva histórica.
“Esa guerra non empezou agora. Empezou en 2014 cando Ucraína dedicouse a machucar á poboación rusa na rexión ucraína de Donbás”
Esa guerra non empezou agora. Empezou en 2014 cando Ucraína dedicouse a machucar á poboación rusa das rexións de Donetsk e Lugansk situadas na rexión ucraína de Donbás. Nesa rexión hai unha poboación de orixe rusa que ante os malos tratos por parte dos ucraínos decidiu independizarse e a Ucraína iso non lle pareceu correcto e comezou a batallar e reprimir aos habitantes desa rexión. Durante 8 anos o exército ucraíno estivo a machucar a esa xente e ninguén moveu un dedo para protexelos. Daqueles pos veñen estas lameiras… e agora a solución non pasa por botar máis leña ao lume. A verdadeira solución debe ser diplomática e negociada.
Hai unhas raíces moi profundas no que poderíamos chamar mitoloxía histórica rusa, pero o punto de partida inmediato é a interpretación que Putin fai da quebra do sistema de 1991. Putin naceu en 1952 e pertence a unha xeración que, cando cae a URSS, xa tiña uns 40 anos.
Putin é un conservador e ultranacionalista ruso, moi ligado á igrexa ortodoxa rusa e viviu a desintegración da URSS como unha traxedia, pero unha desgraza non porque caese o sistema burocrático estalinista, senón porque se fragmentou a antiga URSS en numerosos anacos e deixou de ser a potencia que el pensaba que era antes. El é anticomunista e reaccionario. A traxedia, para el, non obedece a razóns ideolóxicas, senón que é causada pola quebra da súa idea imperial de Rusia. El é unha especie de neozarista con vocación imperial.
Doutra banda, Ucraína tivo moitos problemas, pero tamén percibiu que tiña a posibilidade de democratización e de occidentalización, cousa que a Putin preocupoulle moitísimo máis que as outras antigas repúblicas ex-soviéticas.
Reitero que a miña opinión é que a solución debe ser dialogada e negociada, pero se se asina un novo acordo como o protocolo de Minsk, esta vez habería que establecer mecanismos internacionais para o seu cumprimento e fiscalización desde a comunidade internacional.
O urxente é procurar mediadores e facilitadores que axuden a buscar unha solución negociada e pacífica do conflito. O propio Borrell dixo que China podería ser un mediador nese conflito. En todo caso non son optimista e paréceme moi preocupante a situación nesa rexión e ademais todo iso repercute na seguridade do mundo… oxalá a sensatez termine impoñéndose.
“Paréceme necesario que a cidadanía de Europa condene categoricamente a invasión de Ucraína por Vladimir Putin, mais tamén que se posicione pola disolución de contado da OTAN”
Doutra banda, paréceme necesario que a cidadanía de Europa condene categoricamente a invasión de Ucraína por Vladimir Putin, mais tamén que se posicione pola disolución de contado da OTAN. Debemos mobilizarnos para forzar aos contendentes a alcanzar axiña un alto o fogo, para conseguir a retirada das tropas da Federación Rusa, e para impulsar un novo acordo de paz que se axuste ao dereito internacional e que poida ser verificado e fiscalizado pola comunidade internacional e as Nacións Unidas.
Calquera guerra beneficia soamente aos belicistas, á industria armamentística e a determinadas elites que defende un mundo militarizado que malversa recursos económicos que deberían destinarse para a industria civil. Son estes dirixentes e elites dominantes quen fabrican as guerras, e devanditas conflagracións agroman por mor do medo, a cobiza, e a paranoia, e son levadas a cabo por gángsters, que xorden desde o máis baixo das nosas sociedades e aterrorizan a todos, mesmo aos que pretenden protexer.
A cidadanía comprometida coa defensa da paz e os dereitos humanos, as organizacións non gobernamentais, as activistas e a sociedade civil no seu conxunto debemos loitar pola paz e o desarmamento, pero tamén por unha sociedade xusta, sen violencia, sen racismo e sen explotación.