Ruta de arte “Segundo Caderno de Bueu”

O evento celebrarase o 14 de maio baixo a dirección de Antón Sobral e Nanda Cabaleiro, e percorrerá diversos espazos mariñeiros nos que se inspirou Maruja Mallo tras a súa estadía en Bueu no ano 1936

caderno de bueu

Bueu | O Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura, organizará o 14 de maio unha ruta da arte dirixida polos artistas Antón Sobral e Nanda Cabaleiro que percorrerá os espazos mariñeiros da vila na que Maruja Mallo pasou unha estadía no ano 1936. Esta actividade insírese no marco da programación que dende o Concello se están levando a cabo neste ano no que a Real Academia Galega das Artes homenaxe á artista viveirense.

Maruja Mallo recalou no 1936 en Bueu, concretamente en Beluso, xunto a moitos intelectuais daquela época. Desa experiencia saíron unha serie de bosquexos coñecidos como “Caderno de Bueu” , que lle serviron a posteriori para realizar moitos dos seus cadros máis recoñecidos no exilio americano. Partindo deste fito, organízase esta ruta que buscará crear un “Segundo Caderno de Bueu”, composto por debuxos, pinturas e ilustracións de bosquejeros/as, cuadernistas, Urban Sketchers, artistas e poboación en xeral que queira pasar unha xornada inspiradora.

Aínda que se trata dunha actividade aberta e gratuíta, é preciso realizar unha inscrición previa antes do 12 de maio de 2017. A tales efectos, as persoas interesadas en formar parte deste evento, deberán enviar un correo electrónico a comunicacion@concellodebueu.org especificando os seguintes DATOS: nome completo, DNI e número de teléfono. Xunto a esta información, é preciso que se especifique se a persoa participante queda a comer ou non, para así xestionar o restaurante.

A ruta partirá desde o Casa do Concello de Bueu ás 11 horas, e percorrerá espazos marítimos como o Museo Massó, o porto, a praia de Pescadoira, a carpintaría de ribeira ou Estaleiro da Banda do Río e a praia de Beluso. A hora aproximada de remate será as 18 horas.

Cos debuxos que resulten desta actividade conformarase un “Segundo Caderno de Bueu”, cuxos debuxos de expoñerán en torno ao mes de agosto na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa de Bueu.