Sahara, 10 de decembro: nada que celebrar.

O 10 de decembro está marcado no calendario como o Día Internacional dos Dereitos Humanos. Conmemórase o día en que, en 1948, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

No Sahara Occidental non é un día de celebración, senón de reivindicación.

“Os saharauís que non puideron fuxir e quedaron nos territorios ocupados por Marrocos levan máis corenta anos sufrindo a diario as consecuencias desta cruel ocupación carentes de todos os seus dereitos”.

Tras o abandono do Sahara por parte de España fai xa máis de 4 décadas, Marrocos practicou unha política de terror, de exterminio e xenocidio contra o pobo saharauí.

Durante os primeiros días da ocupación a poboación civil saharauí, que fuxía do exercito marroquí, foi bombardeada con Napalm e Fósforo Blanco. Centos de nenos, mulleres e anciáns faleceron vítimas de terribles queimaduras producidas por estes bombardeos.

Os saharauís que non puideron fuxir e quedaron nos territorios ocupados por Marrocos levan máis corenta anos sufrindo a diario as consecuencias desta cruel ocupación carentes de todos os seus dereitos.

Non teñen acceso aos postos de traballo que son reservados para os colonos que paulatinamente foi introducindo Marrocos no Sahara Occidental. Os saharauís que se dedicaban á pesca viron como son privados de licenzas que van a parar a mans dos amigos do réxime marroquí. Os poucos que mantiveron os seus postos de traballo nas minas de fosfato de Fos Bucraa sofren unha clara discriminación con respecto aos traballadores marroquís que gozan de mellores condicións de traballo e soldos.

“Nos territorios ocupados do Sahara Occidental está prohibida calquera representación cultural saharauí”.

Os saharauís non teñen dereito a unha sanidade digna e cando acoden a un centro médico son discriminados por ser saharauís ou directamente, non son atendidos. Se necesitan ser trasladados a un hospital lonxe da súa residencia teñen que pagar do seu propio peto as ambulancias. Hai casos documentados de falecementos por esta falta de atención.

Cando son feridos de gravidade nas manifestacións pacíficas, por bandas de paramilitares marroquís, expúlsaselles das urxencias médicas ou se lles inxecta substancias perigosas que os deixan paralizados durante horas ou días. Algúns son denunciados polos médicos para que a policia os leve nese estado ás comisarías sen cometer delito algún.

Nos territorios ocupados do Sahara Occidental está prohibida calquera representación cultural saharauí.

Os nenos saharauís nas escolas son marxinados. Os mozos son rexeitados nas universidades e só poden acceder a determinadas especialidades, outras as teñen vetadas para eles, non para os marroquís ou doutras nacionalidades. Para levar a cabo estudos superiores teñen que pasar filtros moi específicos de tipo político e deben trasladarse por centos de quilómetros a unha cidade marroquí, xa que no Sahara Occidental Marrocos non creou ningunha universidade.

As asociacións e organizacións saharauís sobreviven na clandestinidade, xa que están prohibidas polo réxime marroquí. Os seus membros son continuamente acosados, perseguidos e detidos, sufrindo torturas e vexacións durante o seu presidio.

A día de hoxe, hai máis de medio centenar de presos políticos cumprindo condena en cárceres marroquís. Son xulgados sen as mínimas garantías procesuais, condenados por declaracións obtidas baixo tortura e mesmo xulgados por tribunais militares sendo civís. Moitos deles sofren graves enfermidades debidas ás torturas e non reciben a atención médica que a súa situación require, dereito que diferentes convenios internacionais recoñécelles.

A Comunidade Internacional, coñecedora desta situación, prefire mirar para outro lado mentres os saharauís, nun exemplo único de compromiso, determinación e resistencia pacífica sae ás rúas para esixir os seus dereitos.

A MINURSO, Misión Internacional de Nacións Unidas para o Referendo no Sahara Occidental, leva desprazada na zona desde o ano 92. Ten a vergoñosa característica de ser a única misión das Nacións Unidas que non ten entre os seus labores a vixilancia do cumprimento dos dereitos humanos, debido ao continuo veto que recibe cada vez que se vota a inclusión deste labor entre as súas funcións na IV comisión das Nacións Unidas.

Non podemos permitir que se siga mirando para outro lado mentres o goberno marroquí viola os dereitos humanos da poboación Saharauí, temos que esixir que se poña fin a este sufrimento que se prolonga demasiado no tempo.

 

Nado no ano 1974, un ano antes da entrega do Sahara por parte de España a Marrocos. Activista polos dereitos do Pobo Saharaui, é membro de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Fundador e administrador da web www.porunsaharalibre.org