Salceda de Caselas | Con motivo do seu 25 aniversario, a Fundación Érguete-Integración lanza a campaña Olladas sen Receos, coa que sitúa o foco nas persoas que viven baixo o limiar da pobreza e en situación de rúa nas nosas cidades e vilas.
A través desta campaña, a entidade busca non só denunciar a vulnerabilidade e falta de recursos coas que deben lidar as persoas sen fogar, senón tamén realizar unha chamada de atención a unha sociedade que contempla con desconfianza e temor a quen sobrevive nas circunstancias máis difíciles. Trátase de derrubar prexuízos e estereotipos e comprender que, na maioría das ocasións, son circunstancias fortuítas as que levan a estas persoas a situarse nas marxes dunha sociedade que as penaliza dobremente, culpabilizándoas da situación que atravesan.
Como primeira acción da campaña, a Fundación pon en marcha unha exposición fotográfica itinerante con imaxes do artista Andrés Terraza, que este luns, día 1 de xullo, recala no concello de Salceda de Caselas. O primeiro andar da Casa da Cultura acollerá a mostra, que se poderá visitar en horario de 9h a 15h ata o venres 12 de xullo.
“Estamos encantadas de acoller esta exposición, tan necesaria no noso concello, e agradecemos a Fundación Érguete-Integración por achegarnos esta iniciativa. É preciso que fagamos un esforzo por poñernos na pel doutras persoas, das súas realidades e situacións de vida, especialmente naqueles casos onde existen problemas de saúde mental. Salceda é unha vila solidaria e empática, na que a unión veciñal é clave para mellorar a vida de todas e todos”, sinalou a alcaldesa, María Dolores Castiñeira Alén, na presentación da mostra no municipio.
Trátase de sete instantáneas que amosan a realidade das persoas sen fogar e en situación de exclusión social severa. Sete olladas profundas, que nos ofrecen a posibilidade de achegarnos ás difíciles historias de supervivencia daquelas persoas que viven na rúa, en terra de ninguén. Sen axudas sociais, acompañados de preto pola enfermidade mental, buscando espazos medianamente iluminados que ofrezan certa seguridade ou procurando un imposible descanso sobre uns cartóns que separen o seu corpo do frío chan, estas son algunhas das situacións ás que nos podemos asomar, sen receos, a través destas imaxes.
Os datos
Segundo a última enquisa a persoas sen fogar realizada polo INE (que non ofrece máis que unha aproximación a esta problemática, posto que só recolle as opinións daquelas persoas que acoden a centros asistenciais), o número de persoas nestas circunstancias en Galicia era, no 2022, de case 166 por cada 100.000 habitantes. Dende a Fundación Érguete-Integración, atendéronse en 2023 a 951 persoas en exclusión social severa, das que aproximadamente o 80% se atopaban en situación de rúa.
De feito, entre as unidades que a entidade ten repartidas en Vigo, Marín e A Coruña, unhas 170 persoas acoden a diario para atender algunhas das súas necesidades básicas: ducharse, lavar a roupa, tomar un café, etc.
Respecto ás circunstancias que levaron ás persoas sen fogar a esta situación, a enquisa do INE sinala como motivos principais que tiveron que comezar de cero ao chegar doutro pais (un 28,8%), perderon o seu traballo (o 26,6%) ou foron desafiuzados da súa vivenda (16,1%). Ademais, só un 20 % das persoas enquisadas declararon ter vivido a súa infancia e/ou adolescencia nun entorno familiar sen problemas ou conflitos graves. Respecto á formación, destaca que a media de abandono escolar se sitúa case nos 17 anos, tendo acadado a maioría o nivel de educación secundaria. Así mesmo, un 11,3% ten estudos superiores.
Como vemos, na maior parte das ocasións son circunstancias imprevistas e involuntarias as que levan a estas persoas a vivir na rúa, en condicións que supoñen unha negación grave dun dereito básico. A esta situación de vulnerabilidade severa engádense a falta de recursos sociais aos que acudir, mafias que agrupan a estas persoas en infravivendas, barreiras culturais e/ou idiomáticas, invisibilización social… En definitiva, problemáticas que alimentan o circuíto da pobreza, agravan a falta de motivación para saír adiante e cronifican o estado de exclusión social no que se atopan.
Menos Mulleres, máis vulnerables
A pesar de que as mulleres son minoría no circuíto de rúa (apenas supoñen un 24% do total de persoas atendidas dende os programa dedicados a atallar situacións de exclusión social severa na Fundación Érguete-Integración, unha cifra moi similar á que ofrece o INE na súa enquisa), a vulnerabilidade das que están nestas circunstancias é maior.
Entre outras cuestións, as mulleres sen fogar atópanse máis expostas a sufrir violencia sexual e delitos de odio. Segundo o INE, o 24,2% das mulleres con estas circunstancias de vida teñen sido vítimas de agresións sexuais. Así mesmo, os datos do Observatorio HATEnto mostran que o 60% das mulleres en situación de senfogarismo sufriu algún delito de odio a causa da aporofobia, fronte ao 44,1% dos homes.
Tamén un traballado da Universidade de Barcelona publicado en 2019 apunta a que o 70% sufriron violencia de xénero e, segundo unha investigación realizada pola asociación AIRES no mesmo ano, un 60% das mulleres sinalan os episodios de violencia contra elas como causa directa da súa situación de senfogarismo.
Aos datos sinalados engádese o feito de que as mulleres en situación de exclusión social severa teñen maiores dificultades para acceder a recursos sociais e atópanse, en demasiadas ocasións, en espazos masculinizados que lles resultan hostís.
Segundo o último informe sobre o estado da pobreza publicado por EAPN Galicia, nesta comunidade había unhas 485.000 persoas en pobreza no 2022, mentres a taxa de pobreza severa se situaba nun 6,8%. Estas cifras apuntan cara unha clara vulnerabilidade dunha gran porcentaxe de poboación que, unida a circunstancias sobrevidas, pode levar facilmente a que moitas persoas se vexan sen fogar.
Por isto, dende a Fundación Érguete-Integración queremos facer unha chamada de atención sobre as difíciles circunstancias que viven as persoas en situación de rúa, invitando á sociedade a reflexionar e xerar empatía con estas vivencias, máis próximas do que habitualmente cremos. Ademais, consideramos imprescindible que se abandonen os discursos de odio que sinalan e culpabilizan ás persoas sen fogar, condenándoas dobremente e promovendo a cronificación do estado de exclusión social ao que se enfrontan.
As situacións de senfogarismo e pobreza son unha negación grave de dereitos básicos como a seguridade ou a dignidade. Atallar estas problemáticas supón tomar medidas en tódolos ámbitos, sendo imprescindible que a sociedade se implique activamente e se achegue a este tipo de realidades a través de olladas sen receos.