Salceda adhírese ao programa Axente Tutor a favor da infancia

Un programa especializado da Policía Local, a Delegación do Goberno e a FEMP

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas anuncia con a súa adhesión ao programa Axente Tutor, un servizo especializado da Policía Local en colaboración coa Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas e a FEMP que ten como obxectivo fundamental a promoción do respecto aos dereitos da infancia.

Este programa céntrase especialmente na protección dos e das menores e na prevención de posibles riscos na contorna escolar. Trátase dunha iniciativa que se aprobou tanto o pasado xoves por unanimidade da corporación municipal,como polo Consello Escolar do IES Pedras Rubias.

A incorporación ao programa Axente Tutor permitirá á Policía Local de Salceda desenvolver unha serie de actuacións específicas destinadas a garantir a seguridade e benestar dos nenos e nenas do noso municipio. Entre as funcións que desempeñarán os axentes tutores atópanse a mediación en conflitos escolares, a prevención do acoso escolar, a detección e intervención ante situacións de risco social ou familiar, e a promoción de hábitos de convivencia positiva e respeto entre o alumnado.

A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, destacou a importancia desta iniciativa: “A adhesión ao programa Axente Tutor é un paso máis no noso compromiso coa infancia e a mocidade de Salceda. Queremos proporcionarlles unha contorna segura e protectora, onde poidan medrar e desenvolverse plenamente.

Este programa reforza a nosa aposta pola prevención e pola educación en valores, garantindo que os nosos nenos e nenas teñan a axuda necesaria en caso de calquera dificultade. Quero trasladarlle os parabéns ao policía local Roberto Cameselle e á concelleira de Ensino Selene González por impulsar esta iniciativa”.

Por outra banda, a concelleira de Educación, Selene González, engadiu: “A colaboración entre a Policía Local, os centros educativos, as familias e os servizos sociais é esencial para o éxito deste programa. Estamos convencidas de que, traballando xuntas, podemos crear unha contorna máis segura e saudable para todos e toda a infancia e xuventude de Salceda”.

A dinámica deste proxecto tratará de promover o traballo en rede e establecer protocolos de actuación, así como xuntanzas periódicas para coordinar as intervencións entre o equipo educativo, os servizos sociais comunitarios e a Policía Local.

Salceda contará, nun inicio, con dous axentes que xa contan coa formación esixida para exercer ditas funcións, e que poderán actuar no centro de ser preciso grazas á aprobación en Pleno e no Consello Escolar desta iniciativa; requisito imprescindible para poder intervir.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.