Salceda ampliará os seus espazos para a veciñanza

En marcha o proxecto da nova rúa entre a Praza do Concello e a rúa Brasil

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda traballa xa na adxudicación do contrato de redacción do proxecto da nova rúa que pretende abrir entre a Praza do Concello e a Rúa Brasil. A Alcaldesa e encargada do departamento de urbanismo, Loli Castiñeira, aposta nesta ocasión porque sexa un traballo conxunto entre Rubén Martín Vázquez Pérez e Mun arquitectura, ambos con ampla experiencia no urbanismo de Salceda de Caselas.

Para financiar a redacción deste proxecto, dende o Concello vaise presentar solicitude ao abeiro da liña 4 do Plan Máis Provincia 2025, para o cal Salceda conta con un total de 18.635,01€.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, quixo englobar o proxecto dentro da “segunda transformación de Salceda”, que suporá a creación de novos espazos para a veciñanza e novas zonas verdes e de lecer como a que aquí se prantexa.

A pretensión do equipo de goberno para este novo espazo público é que sexa unha rúa de prioridade peonil en todo o seu percorrido, no que se permita o acceso só ao tráfico rodado mínimo indispensable, basicamente para acceso ás novas garaxes que se poidan construír na zona e para os servizos de emerxencia. De feito o prantexamento é que poida ser un espazo compartido, sen diferenciación física da zona peonil e a rodada, precisamente por ese acceso mínimo de vehículos á rúa.

Así mesmo será fundamental a dotación de especies vexetais e arboredo, que signifiquen na realidade o nacemento dunha nova zona verde no pleno centro da vila. Trátase de ofrecer percorridos que permitan a mobilidade inclusiva e a autonomía infantil, e que na práctica suporá unha ampliación da propia Praza do Concello nunha zona ata o de agora sen desenvolver. A arúa será o froito do proceso de normalización de leiras publicado no BOPPO do día 2 de xaneiro deste ano e notificado xa a tódalas persoas propietarias das parcelas afectadas.

A elección dos dous equipos de arquitectura para que realicen un traballo conxunto realízase por vez primeira dende o equipo de goberno, con intención de aproveitar o enorme coñecemento do urbanismo municipal que teñen ámbolos dous estudos, pois xa teñen realizado para o Concello diferentes proxectos de humanización de rúas e recuperación de edificios. O Concello agarda agora que dende a Deputación de Pontevedra se axilice a concesión da liña 4 do Plan Máis Provincia para que o proxecto sexa unha realidade canto antes.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.