Salceda aposta pola educación afectivo-sexual

Concello e CEP Altamira levan a cabo esta iniciativa para o alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda e o CEP Altamira veñen de poñer en marcha unha iniciativa conxunta para o alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria. O III Plan de Igualdade entre homes e mulleres do Concello de Salceda, vixente ata 2028, reserva un lugar importante para a educación afectivo sexual infanto-xuvenil.

Durante o proceso de elaboración deste documento realizáronse diferentes xornadas de traballo en rede no que alumnado do IES Pedras Rubias, equipos directivos dos centros educativos e a Concellaría de Igualdade coincidían: resulta fundamental traballar a educación sexual integral dende idades novas para sensibilizar, promover e fomentar relacións saudables.

En palabras de Selene González, Concelleira de Ensino e Igualdade, “é fundamental que os centros educativos conten con profesionais da educación social que poidan acompañar a nosa infancia e xuventude nalgo tan importante como é a educación afectivo sexual”.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, lembra que “Salceda é un concello diverso e dende o goberno sempre imos apoiar a promoción das relacións afectivo-sexuais igualitarias e diversas onde cada quen viva libremente a súa orientación sexual , identidade e expresión de xénero”.

Entre o 23 de abril e o 9 de maio realizaranse un total de 33 accións educativas no CEP Altamira que se repartirán en 3 sesións por cada clase para o alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria. As accións para 4º e 5º céntranse en dotar á rapazada de ferramentas para a construción de relacións sas dende a comunicación e o respecto. A educadora social encargada do proxecto traballará as habilidades comunicativas, a resolución de conflitos e o recoñecemento e valor das diferenzas a través do xogo. Trátase polo tanto de sensibilizar sobre a importancia de construír relacións saudables, tanto de amizade como de parella, baseadas no respecto, a empatía e a igualdade.

Os contidos cambian para o alumnado de 6º de primaria, centrándose na afectividade, o consentimento e a diversidade. Durante as tres sesións que recibirá cada participante desmontaranse mitos e falsas crenzas sobre a sexualidade proporcionando información baseada na evidencia científica. O obxectivo destas accións será o de xerar un ambiente de confianza e seguridade no que a mocidade poida compartir e resolver as súas dúbidas e prexuízos. Isto axudará a previr as violencias sexuais, fomentando o recoñecemento e o respecto do consentimento nas relación afectivo-sexuais.

Esta acción está financiada con fondos do Pacto de Estado contra á violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade, unha subvención que lle permite ao Concello de Salceda de Caselas realizar diferentes accións que promocionan a educación en igualdade, como a adquisición de libros para a biblioteca municipal, a formación para as familias con menores en educación infantil “A coeducación e a educación en positivo”, a representación teatral “Golpes” para o alumnado de ESO do IES Pedras Rubias, e o proxecto no Obradoiro Social A Revolta “Acompañando en igualdade ante a soidade non desexada”, chegando así a todas as franxas de idade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.