Salceda aproba 850.000€ para o saneamento na parroquia de Entenza

O goberno municipal tamén presentou o proxecto no Plan Provincia extraordinaria Plan extra da Deputación de Pontevedra

Salceda de Caselas | O Pleno do Concello de Salceda de Caselas vén de aprobar a proposta do equipo de goberno local para o saneamento da parroquia de Entenza, con un proxecto valorado en 856.850,01€. O proxecto presentouse no Plan Provincia Extraordinaria Plan Extra da Deputación de Pontevedra, para o cal se agarda recibir unha subvención de 700.000€ que o Concello debe completar con fondos propios.

En palabras de Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, “Dixemos que esta iba ser a lexislatura do saneamento en Salceda e así o estamos a facer. Non imos perder unha soa oportunidade de investimentos en saneamento, neste caso para a parroquia de Entenza”.

De feito, nesta lexislatura xa se levou a cabo o proxecto de saneamento nos barrios de A Arrotea e Ataúde (A Picoña), e están programadas xa as obras da Presa (Parderrubias) e do Carballal (A Picoña). O equipo de goberno traballa ademais nas vías de financiación do saneamento da parroquia de Soutelo, que agarda teñan resultados positivos en pouco tempo. Tamén outras zonas, como os barrios de Fontán (Parderrubias), O Pazo (A Picoña) e O Outeiro (San Xurxo) están en estudo nestes momentos. Por outra banda, lembran dende o equipo de goberno que seguen agardando a que Augas de Galicia acometa o tramo de saneamento que ten comprometido no Cerquido dende o ano 2019 e con expediente dende o 2021.

No caso do proxecto de saneamento da parroquia de Entenza, partiuse do proxecto xa redactado no ano 2013, que agora se adapta á realidade do momento, aproveitando tamén o estudo encargado polo Concello en decembro de 2023. O Equipo de Goberno de Salceda xestionou e conseguiu que o Consorcio de augas do Louro sufrague na súa totalidade os custos desa redacción, estimados en torno aos 15.000€. Nesta primeira fase serán 115 as vivendas que poderán conectarse aos doce tramos de colectores que se prevén con unha lonxitude de 3.823,950 metros, e que desembocarán no aliviadeiro de Arentei, para continuar polo colector xeral ata a EDAR de Guillarei.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.