Salceda de Caselas | O Concello aprobou por unanimidade o seu III Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes de Salceda de Caselas 2024-2028, que permitirá avanzar no desenvolvemento de políticas municipais cara un modelo de sociedade igualitario e libre de violencia de xénero. O Plan consolidará a igualdade en Salceda como elemento estrutural da xestión e como un instrumento do goberno municipal para orientar todas as políticas.
Este é o primeiro Plan que se baseou nun diagnóstico elaborado en base ás respostas da cidadanía a un cuestionario anónimo e que permitiu identificar os principais eixos de intervención, naqueles ámbitos que son de competencia local así como nos obxectivos estratéxicos. As accións están ordenadas en 10 eixos: Xestión Municipal con Enfoque de Xénero; Economía e Emprego; Conciliación, Corresponsabilidade, Tempos e Coidados; Empoderamento e Participación Social; Saúde, deporte, benestar e calidade de vida; Espazo urbano, vivenda e seguridade; Formación, Cultura e educación para a igualdade; Salceda en marcha contra a violencia de xénero; Igualdade no Medio Rural; Mocidade.