Salceda avanza no mapeo das traídas veciñais

Nesta primeira fase traballouse coas traídas de A Feira, A Picoña, Castro Barreiro, Pereiriñas e San Xurxo

Salceda de Caselas | Nestes días veñen de rematar os traballos de mapeo, rexistro e xeolocalización das redes de abastecemento de auga das comunidades de usuarios de A Feira, A Picoña, Castro Barreiro, Pereiriñas e San Xurxo.

Estes traballos están financiados con cargo aos orzamentos municipais do Concello de Salceda, por un importe total de 29.826,50€, e realízanse en colaboración coas diferentes traídas de augas. A empresa redactora dos traballos estivo en contacto permanente coas diferentes directivas, para deste xeito realizar o mapeo da forma máis real e concisa posible.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, definiu a iniciativa como “un xeito práctico de colaborar coas traídas veciñais, cun traballo que resulta fundamental no seu día a día. O Concello asume este proxecto coa intención de que tódalas traídas conten con un documento cartográfico fiable, conscientes de que facilita enormemente os traballos de mantemento, reparacións e mesmo as ampliacións ou modificacións de trazados”.

Lembrou tamén a alcaldesa que este traballo é de grande importancia tamén no proxecto de recuperación dos recursos hídricos ante a seca que o equipo de goberno recollía no seu programa electoral.

Para a realización destes traballos recompiláronse e representáronse, en coordenadas reais e con información descritiva, as conducións e elementos singulares (captacións, arquetas, bocas de incendios, etc.) así como cada un dos contadores, coas súas respectivas titularidades.

Así pois, con este proxecto, as comunidades de augas veciñais e o Concello dispoñen dun visor online, que pode consultarse desde calquera dispositivo. Ademais, se a consulta se realiza dende un móbil ou unha tableta faise por xeolocalización, é dicir, visualízase na pantalla a localización do dispositivo en tempo real.

O traballo resultante permite coñecer as infraestruturas de cada traída así como incorporar todos os cambios que poidan producirse (melloras, novos elementos, incidencias…), actualizándose inmediatamente no visor compartido.

Marcos Troncoso, Concelleiro de Medio Rural, quixo agradecer a implicación das diferentes directivas e o tempo dedicado para que este traballo poida ser xa unha realidade, deixando claro unha vez máis que “o traballo en equipo ofrece sempre os mellores resultados”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.