Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas está a realizar os traballos de limpeza dos espazos ou “resalidos” municipais, dentro dos traballos de creación do inventario de bens municipais. O obxectivo fundamental desta limpeza é a delimitación exacta dos espazos e o levantamento topográfico en coordenadas UTM dos mesmos.
A posta en marcha do inventario de bens suporá a catalogación duns 100 “resalidos” ao longo de todo o territorio municipal, así como o rexistro de edificios, fontes e elementos patrimoniais municipais (cruceiros, petos de ánimas, lavadoiros…)
O inventario vai permitir ademáis a legalización de usos preexistentes de determinados elementos como os potes comunais, muíños de herdeiros/as ou outras construccións.
O Concello de Salceda dispón dun Inventario Municipal que data do ano 1967, e que basicamente consiste nun libro que describe de xeito literal algúns bens que nesa data constaban como municipais. A veces dita descripción estaba acompañada dun croquis realizado a man alzada, que a día de hoxe están completamente desfasados e sen os datos de situación, xeorreferenciación, xurídicos etc. precisos para que os bens alí reseñados poidan ser catalogados correctamente tal como esixe o RBEL nos 8 epígrafes que constitúen un Inventario Municipal.
En 2012 o Concello de Salceda contratou a empresa LAYA que realizou e posteriormente foi aprobado o inventario municipal de viais, catalogando tódolos viais municipais, polo que quedaría para completar o Inventario o resto dos epígrafes: fincas urbanas, fincas rústicas, dereitos reais, mobles especiais, valores, vehículos, semovientes, mobiliario e bens revertibles, nos que agora se está a traballar.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Os traballos que estamos a realizar resultan fundamentais para a correcta xestión do patrimonio público. Estamos a descubrir ademáis novos elementos que sen dúbida contribuirán ao enriquecemento patrimonial e cultural do noso Concello segundo se vaian poñendo en valor. Agradecemos a enorme colaboración que nos están a prestar os veciños e veciñas de cada unha das parroquias e que está a resultar fundamental nestes momentos”.