Salceda destina 190.000€ para saneamento

Ao cargo do Plan +Provincia

Salceda de Caselas | O equipo de goberno do Concello de Salceda vén de facer públicos os próximos investimentos en obras de saneamento con cargo ao Plan Máis Provincia 2024. Trátase de dous proxectos a executar nas parroquias de Parderrubias e da Picoña, que suman un total de 188.697,04€.

Na parroquia de Parderrubias executarase un colector de 544,10 metros, que permitirá a conexión de 14 vivendas. O investimento conta con un orzamento de 132.067,76€, e unha vez rematado o proceso de licitación para establecer a empresa adxudicataria, terá un prazo de execución de 3 meses.

Este tramo dá solución a diversas vivendas do barrio da Presa, algunhas delas con problemas por verquidos que agora por fin van quedar solucionados. A asociación veciñal Santo Tomé de Parderrubias tíñalle trasladado ao equipo de goberno esta necesidade. A Alcaldesa, Loli Castiñeira, e o Concelleiro de Axenda Ecolóxica, Marcos Troncoso, visitaron a zona co Presidente da Asociación ante o inminente comezo das obras.

No caso da Picoña o tramo a executar é de 273,10 metros, que permitirán a conexión dun máximo de 7 vivendas do barrio do Carballal, e que dará servizo á aula de infantil do CRA Raíña Aragonta. Este proxecto conta con un orzamento de 56.629,28€, e un prazo de execución de dous meses.

A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, amosouse especialmente satisfeita con estes investimentos, lembrando que “dixemos que o saneamento vai ser a nosa prioridade neste mandato e estamos a cumprir a nosa palabra. Levamos meses traballando en diferentes proxectos de saneamento que agardamos que poidan ser unha realidade canto antes, e estes dous tramos son unha boa mostra”.

Estes investimentos por un total de 188.697,04€ están financiados dentro do Plan Máis Provincia 2024. O Plan Máis Provincia, e o seu antecesor o Plan Concellos, serven de ferramenta para achegarlles aos Concellos os fondos que lle corresponden da Deputación de Pontevedra, deixando en mans dos propios Concellos a decisión do uso que se lle dá en cada ocasión aos fondos.